Inicio Carballo ao día Hemeroteca O FIOT entrega o Xograr de Outono a Alberto Gende...

SÁBADO 27 DE OUTUBRO ÁS 21.00 HORAS

O FIOT entrega o Xograr de Outono a Alberto Gende a título póstumo nun acto antes da función de Sarabela Teatro

Venres 26 de outubro do 2012

A extensa e intensa relación de Alberto Gende co FIOT durante dezanove anos ata o seu falecemento foi o motivo polo que se decidiu concederlle o "Xograr de Outono" do FIOT 2012, ademais de satisfacer o obxectivo da organización de ampliar o campo profesional dos posibles candidatos e candidatas a todas aquelas persoas que teñan relación co proceso creativo e coa proxección da imaxe do Outono de Teatro. Hai que recordar que o Festival deste ano tamén está dedicado a Alberto Gende. En todos os soportes coa imaxe do XXI FIOT aparece a lenda "Alberto Gende In memoriam" para deixar patente o estreito e forte vínculo creativo e persoal que o deseñador mantivo co Outono de Teatro trasladando a imaxes a idea sobre a que xiraba cada edición. Unha creatividade coa que tanto o Festival coma a organización se identificaron sempre plenamente. A mostra retrospectiva dedicada a Alberto Gende segue aberta na Sala de Exposicións do Pazo da Cultura de Carballo (andar -1) en horario de 18.00 a 21.00 horas. Na mesma sala, a organización pon a disposición do público un libro no que todo aquel que estea interesado pode asinar e deixar a súa particular homenaxe para Alberto Gende, as súas impresións sobre a exposición ou calquera pensamento sobre o artista e a súa obra.

XII Concurso Escolar de Teatro Lido

Dentro da programación do FIOT tamén hai que lembrar que domingo 28 de outubro ás 18.00 horas ten lugar no auditorio do Pazo da Cultura a final do XII Concurso Escolar de Teatro Lido "Xosé Manuel Eirís". Nunha reunión celebrada o xoves 25, o xurado seleccionou aos grupos finalistas entre os 36 inscritos no certame que desde o pasado 10 de outubro estiveron gravando os seus textos en Radiovoz Bergantiños. A tarde da final volverán dramatizar o fragmento en directo diante do público e do xurado. As emisións na radio comezaron o martes 23 en horario de 11.00 a 12.00 horas e prolongaranse durante varios días. Tamén poderán escoitarse e descargarse da edición dixital de La Voz de Carballo. O xurado outorgará dous premios por cadansúa categoría (menores de 10 anos e os maiores de 11), un de 250 € e outro de 100 €, que consistirán en libros e material didáctico. Tamén existe a posibilidade de que se concedan accésits por un valor de 150 €. O concurso está patrocinado por Libraría Brañas e conta coa colaboración de Editorial Primera Persona e de Begano.

Compartir: