Inicio Carballo ao día Hemeroteca A última fin de semana do FIOT acolleu a...

ELS JOGLARS PECHAN O FESTIVAL O MÉRCORES 31

A última fin de semana do FIOT acolleu a emotiva entrega do Xograr de Outono e a final do XII Concurso de Teatro Lido

Luns 29 de outubro do 2012

Nunha fin de semana na que o FIOT viu marchar as que son case as súas últimas horas, o auditorio do Pazo da Cultura tamén se encheu para acoller a recollida de premios e a final do XII Festival de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís. Nesta edición teñen participado un total de 230 nenos e nenas repartidos en máis de 30 grupos, dos que cinco subiron ao escenario para escenificar as súas montaxes. O CEIP Fogar foi o centro que acadou os dous primeiros premios do certame. Na primeira categoría os gañadores foron Nós de papáns, nada, con "Paco Papán"; e na segunda Os bulebule... venceron con "A toupiña que quería saber quen lle fixo aquilo na cabeza". Os segundos premios recaeron en Somos nós do CEIP Canosa-Rus con "O león enfermo" e a Escola de Teatro Municipal de Cabana por "Sopa de xarope de amora". Tamén houbo recoñecemento en forma de accésits para os outros tres finalistas: Coscorro, do Colexio Artai, por "En París nunca é noite"; a Escola Municipal de Teatro de Malpica por "O país dos mandóns"; e Os magos do CEIP Xesús San Luís Romero por "Academia de maxia". Santiago Pazos, Fina Rey, Javier Couto, un representante de La Voz e unha responsable da editorial Primera Persona, integraron o xurado encargado de decidir os premios que foron entregados pola Concelleira de Cultura, Mar Eirís, e polo presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro. Os premios consistiron en 250 € (1º) e 100 € (2º) en libros e material didáctico. Os accésits tiveron un valor conxunto de 150 €.

Punto e final con Els Joglars

E despois dunha intensa fin de semana o FIOT avanza cara o seu final cunha proposta moi esperada e que leva coas entradas esgotadas dende o primeiro día da súa posta á venda: "El Nacional" de Els Joglars, o mércores 31 de outubro ás 21.00 horas. Don José, un vello acomodador do Teatro Nacional da Ópera que se atopa en ruínas debido á crise, decide reflotalo poñendo en escena Rigoletto. Para lograr o seu obxectivo rodearase de marxinados e indixentes que participarán na nova produción a cambio de durmir no decadente edificio. Así comeza "El Nacional", unha trama na que xunto ás pretensións de Don José, á violencia entre os protagonistas e ás constantes ordes de demolición do edificio colarase a da ópera Rigoletto. O desenlace? Numantino. Esta sátira foi estreada en 1993, noutra crise. Foi todo un éxito, concedéndoselle mesmo o Premio Nacional de Teatro, e Els Joglars quixo reestreala para celebrar o cincuenta aniversario da compañía. Els Joglars é a compañía privada máis estable e lonxeva de Europa. O seu traballo caracterízase pola unha actitude crítica directamente relacionada coa realidade circundante, ademais dunha vontade de investigación constante que nunca os alonxou do público. Segundo a súa propia definición, unha compañía entre a vangarda e a popularidade. Recentemente fíxose público que este será o último espectáculo de Els Joglars dirixido por Albert Boadellla.

Compartir: