Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno garante o complemento completo de...

UNANIMIDADE PARA A DECLARACIÓN CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

O pleno garante o complemento completo de prestacións para o persoal do Concello en situación de incapacidade temporal

Martes 30 de outubro do 2012

Tamén por unanimidade saíu adiante a designación dunha Comisión de deslinde entre o Concello de Carballo e os concellos de Coristanco e Tordoia. Despois da designación dos seus membros trasladaráselle o asunto á Xunta, para que actúe como considere. Os principais problemas para culminar o deslinde céntranse arredor dunha zona de Entrecruces. No apartado de Facenda, a sesión supuxo a aprobación inicial da modificación da Ordenanza fiscal número 10 reguladora da taxa polo servizo da rede de sumidoiros e depuración de augas residuais e da modificación da ordenanza fiscal número 17, reguladora da taxa polo subministro e acometida á rede xeral de abastecemento de auga potable. En ambos casos, o contrato con Aquagest recolle que cada ano as taxas deben rexistrar unha suba equivalente ao IPC interanual, que neste caso é dun 3,7 por cento. Seguindo con asuntos económicos, o pleno aprobou a adxudicación dunha operación de préstamo de 900.000 euros a Caixabank. O motivo desta operación é a liquidación do orzamento de 2011, que contou cun remanente de tesourería negativo de 1.801.326,55 euros debido a que o Concello está pendente de recibir 2.798.717,77 euros de fondos FEDER (Fondeo Europeo de Desenvolvemento Rexional) correspondentes con dúas certificacións polas obras do Fórum Carballo.

Por unanimidade da corporación saíu adiante unha moción de TEGA para que se coloquen valados protectores na Avenida de Malpica, nos treitos de beirarrúas que teñen un alto desnivel cos terreos lindantes, e en aras da seguridade. O goberno comprometeuse a que se atenda esta petición o antes posible. Así mesmo, a sesión supuxo, co voto en contra de TEGA, a aprobación da Reversión dun terreo situado no lugar de Entrerríos, parroquia de Bértoa. Trátase dun terreo cedido no seu día por José Puñal Canedo para unha posible ampliación da ponte da Cheda. Ao non realizarse esta mellora e transcorrido o prazo que marca a Lei, os lexítimos donos piden a devolución da finca, que deixará de ser de propiedade municipal. Por último, a corporación ratificou unha pequena modificación no Plan DTC 94 da Deputación, xa que no apartado dedicado ao rebacheo e mellora na rodadura en camiños das parroquias de Carballo, Sofán, Sísamo, Goiáns, Lema, Bértoa, Artes e Rus, hai algunhas pistas que necesitan unha autorización de Patrimonio. Ao non ter chegado o permiso pertinente, estas pequenas zonas suprímense do Plan. No apartado de seguimento de órganos de goberno, deuse conta do Informe de Intervención e Tesourería do cumprimento da Lei 3/2004 de loita contra a morosidade correspondente co terceiro trimestre de 2012. Segundo o documento, o prazo medio de pago de facturas por parte do Concello de Carballo, contabilizando a totalidade de facturas presentadas entre xullo e setembro, é de 21,11 días, case a metade do que marca a Lei, que impón un prazo máximo de 40 días.

Compartir: