Inicio Carballo ao día Hemeroteca A célebre compañía catalana...

MÉRCORES 31 DE OUTUBRO ÁS 21.00 HORAS

A célebre compañía catalana Els Joglars pecha con "El Nacional" un FIOT 2012 que contou cun grande éxito de público

Martes 30 de outubro do 2012

Durante o seu percorrido, o grupo catalán ten destacado pola súa constante actitude crítica directamente relacionada coa realidade máis inmediata e por combinar a investigación e a vangarda coa popularidade, xa que os seus espectáculos sempre tiveron o recoñecemento de público e de crítica. "El Nacional" é unha sátira demoledora sobre a cultura elitista, a crise nos teatros e o malgasto da clase política estreada en 1993, xusto durante outra crise, e que a día de hoxe segue moi vixente. En certa maneira, tamén se pode ver como a historia dun emprendedor. A iniciativa dunha persoa que busca un medio de vida rodeado dunha situación económica difusa. De feito, a historia entronca directamente co argumento do FIOT 2012: o convulso século XXI. O texto de "El Nacional" conta a iniciativa de don José, un vello acomodador do Teatro Nacional da Ópera que se atopa en ruínas debido á crise e decide reflotalo poñendo en escena a ópera "Rigoletto", de Giuseppe Verdi e libreto en italiano de Francesco Maria Piave. Para lograr o seu obxectivo rodéase de marxinados e indixentes que participan na nova produción a cambio de durmir no decadente edificio.

Este é un espectáculo moi completo cun amplo equipo artístico no que ademais de nove actores, entre os que están "clásicos" da compañía como Ramón Fontserè, atópase a soprano Begoña Alberdi e o barítono Enrique Sánchez-Ramos que poñen a voz á ópera de Verdi que está integrada no argumento teatral. Neste espectáculo tamén están presentes os elementos máis representativos desta lendaria compañía coma o humor, o sarcasmo, a música ou a poesía. "El Nacional" é unha crítica do mundo artístico pero que á vez demostra moito amor por el. Naquel entón, hai 19 anos," foi todo un éxito, concedéndoselle o Premio Nacional de Teatro e agora, Els Joglars reestrea esta montaxe para celebrar o seu cincuenta aniversario. Dende a organización do Festival Internacional Outono de Teatro, a Asociación Cultural Telón e Aparte e o Concello de Carballo, quérese agradecer a boa acollida que nesta edición tivo a programación do festival e o apoio do público xa que o auditorio do Pazo da Cultura se encheu en todas as funcións dando conta, ademais, do "amor polo teatro".

Compartir: