Inicio Carballo ao día Hemeroteca Maiores italianos e carballeses intercambian...

BANCO EUROPEO DE TEMPO DE VOLUNTARIOS SÉNIOR

Maiores italianos e carballeses intercambian coñecementos e experiencias durante tres semanas grazas ao proxecto "Senior BoT

Mércores 31 de outubro do 2012

Entre as actividades que se desenvolverán durante as próximas semanas hai que subliñar a posible celebración de obradoiros de escritura co alumnado dos institutos do municipio, xa que unha das participantes italianas é unha autora experimentada. Tamén está previsto que coñezan Galicia un pouco mellor, con visitas a Santiago de Compostela ou A Coruña, que realicen encontros con membros de asociacións de italianos que residen en Galicia para coñecer de preto a súa experiencia vital na zona, e que visiten asociacións como Afaber e Aspaber. Os visitantes tamén amosaron o seu interese polas piscinas municipais e polo seu uso, xa que contaron que, mentres que aquí as instalacións son públicas e as tarifas poden ser de pouco máis de 15 euros ao mes, na súa rexión as piscinas adoitan a ser privadas e poden chegar a custar 10 euros o uso ou ofrecer bonos de ata 50 euros. Quedou en pé a posibilidade de que fagan unha visita para desfrutar da piscina Vila de Noia. Durante o encontro tamén houbo a oportunidade para falar das diferenzas culturais de Galicia e Italia, ou para que os visitantes comentaran que para eles resulta máis fácil de comprender o galego que o castelán. Interesáronse, así mesmo, polo posible aluguer de bicicletas, unha práctica moito máis estendida na súa zona que en Galicia. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, interesouse por todas as actividades que van desenvolver nos próximos días e desexoulles unha boa estadía na vila.

Inscricións até o luns 19 de novembro

A Concellaría de Benestar que dirixe Silvana Castro quere lembrar que durante estes días e até o luns 19 de novembro, aproveitando a estadía da delegación italiana, está aberto o prazo para todos aqueles que estean interesados e interesadas en anotarse no Banco Europeo de Tempo de Voluntarios Sénior, Senior BoT. A iniciativa está cofinanciada polo Programa de Aprendizaxe permanente GRUNDTVIG da Comisión Europea e ten como obxectivo desenvolver as competencias persoais, sociais e interculturais das persoas que participen, ofrecendo novas oportunidades de aprendizaxe a persoas maiores e fomentando o concepto de "envellecemento activo". A idea baséase en que cada persoa deposita unhas horas de tempo ofrecendo un servizo informal que quere dar e, a cambio, pode pedir tempo a outras persoas para as súas necesidades do día a día, tales como cociñar, tarefas do fogar, costura, calceta ou coidado de dependentes, entre outras moitas posibilidades. Para obter máis información, os interesados e interesadas poden poñerse en contacto coa Concellaría de Igualdade e Benestar situada na Casa do Concello ou no teléfono de Servizos Sociais: 981 704 706. Os interesados e interesadas poden descargar a folla de inscrición nun documento en pdf nesta mesma nova.

Compartir: