Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello, a parroquia e as funerarias do...

O ACTO DE SINATURA TIVO LUGAR NO SALÓN DE PLENOS CARBALLÉS

O Concello, a parroquia e as funerarias do municipio asumen o compromiso "Galeg@ para sempre" para o fomento do idioma

Mércores 31 de outubro do 2012

A campaña reflexiona sobre feitos como que quen visite un camposanto, por exemplo, pode pensar que a nosa lingua non existe, pois alí a súa presenza é practicamente nula. O mesmo nas necrolóxicas dos xornais, onde o galego non pasa do 1 por cento. Deste xeito, cómpre dar pasos para que, tamén despois da morte, a xente que viviu en galego, tamén poida descansar e ser lembrada na súa lingua. Durante o acto, ademais do Alcalde, Evencio Ferrero, e os representantes da parroquia e as funerarias, asinaron unha declaración, entre outros: Antón Rodríguez Lista, Belén Lendoiro Esmorís, Belén Puñal Rama, Benedicto Viña Costa, Daniel Pérez López, Evencio Ferrero Rodríguez, Fernando Cabeza Quiles, José Antonio Rodríguez Fraga, José Manuel Menéndez Varela, Luís Lamas Álvarez, Manuel Pan Collazo, Mar Eirís Villar, Marcos Trigo Facal, María Jesús Cruz Butrón, María Torres Pose, Milagros Lantes Seara, Nel Vidal Barral, Pedro Luís Fernández Pombo, Ramón Tasende Pombo, Santiago Andrade Fraga, Silvana Castro García, Vítor Recarei Añón, Xan Xosé Fernández Carrera, Xosé María Cotelo Freire, Xosé Regueira Varela, Yéssica Nantón Remuiñán.

Algúns dos obxectivos de Galeg@ para sempre son incrementar a presenza do galego en todo o relacionado coa morte: funerarias, notas necrolóxicas, lápidas, cintas de coroas florais, recordatorios, actos relixiosos, etc.; e procurar que tanto as parroquias como as funerarias, florarías, marmorarías, etc., con presenza en Carballo practiquen a oferta positiva, ofrecendo por defecto e de entrada os seus servizos en galego, nomeadamente ás persoas que adoitan falalo, e, cando menos, garantir que as persoas que queiran dispor de servizos fúnebres en galego poidan acceder a eles. A campaña, inclúe, ademais da declaración do 30 de outubro, a realización doutros actos como manter un contacto permanente con funerarias e parroquia para o apoio, asesoramento, definir colaboracións, elaborar e/ou revisar modelos de documentos, etc., e para facer seguimento da evolución da campaña durante todo o ano; procurar visibilizar o compromiso das funerarias fisicamente nos seus propios espazos: oficinas, tanatorios, etc.; ou de cara ao vindeiro ano, contactar coas demais parroquias do municipio e con outras entidades implicadas, como poden ser florarías, marmorarías, etc., para incluílas na campaña. Os interesados e interesadas poden descargar o texto ao completo da declaración Galeg@s para sempre nun documento en pdf nesta mesma nova, así como a declaración realizada pola parroquia e o compromiso subscrito polas funerarias.

Compartir: