Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os actos conmemorativos do Concello contra a...

A MOSTRA: NO PAZO DA CULTURA ATÉ O XOVES 15 DE NOVEMBRO

Os actos conmemorativos do Concello contra a violencia de xénero arrincan cunha exposición sobre a situación da muller en África

Martes 6 de novembro do 2012

No acto de inauguración da exposición "Móvete por África: as mulleres, futuro dun continente", organizada por Axuda en Acción e que chegou a Carballo o luns 5 de novembro a través do Fondo Galego de Cooperación -do que o Concello é socio- estiveron o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; a Tenente de Alcalde, Milagros Lantes; a Concelleira de Benestar, Silvana Castro; a Concelleira de Cultura, Mar Eirís; e a Concelleira de Facenda, Belén Lendoiro. Silvana Castro quixo subliñar que a mostra contén datos que, aínda centrados no continente africano, poden extrapolarse á situación cotiá da vida da muller na nosa contorna. Así, Axuda en Acción recolle que as mulleres constitúen en África o 70 por cento da poboación que vive na probreza, a pesares de que son elas as que producen o 85 por cento dos alimentos. Evencio Ferrero tivo unha lembranza para unha muller falecida en Narón o mesmo día da inauguración a causa da lacra da violencia de xénero, e desexou que os esforzos das administracións contribúan a que un día se poida erradicar esta problemática. Tamén recolleu outro dos datos reflectidos na mostra: que o 70 por cento da poboación de Mali vive cun dólar ao día. Por iso, subliñou que hai que combater esa realidade e manifestou a necesidade de "asumir o compromiso para que todos teñan condicións de vida dignas", ademais de loitar contra as desigualdades, de xénero e de todo tipo.

Compartir: