Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os músicos Xabier Díaz e Guillerme...

OS MÉRCORES 21 E 28 DE NOVEMBRO NO PAZO DA CULTURA

Os músicos Xabier Díaz e Guillerme Fernández imparten un obradoiro para transmitir a emoción dos cantos de berce

Luns 5 de novembro do 2012

Xa o ano pasado se organizou desde o Servizo de Normalización Lingüística de Carballo un obradoiro de características semellantes, que fora impartido pola cantante Ugia Pedreira, unha das voces máis recoñecidas da canción galega actual, membro do grupo Nordestin@s e de Marful, a banda de referencia da nova música pop. Aquela cita tivera moi boa aceptación e o Servizo de Normalización Lingüística espera que ocorra o mesmo con esta segunda edición. No que respecta a Xabier Díaz, o seu primeiro contacto coa música foi aos dez anos cando o seu avó lle regalou a primeira gaita a cambio de que asistise a clases. Grazas a este acordo familiar desenvolveu a súa paixón pola tradición e a antropoloxía. Empeza a súa carreira discográfica coa publicación de "Músicas de salitre" (2004) xunto ao guitarrista Guillerme Fernández, con quen está no obradoiro. Un primeiro traballo no que se revelou como cantante e compositor de talento. Na actualidade combina varios proxectos. É cantante da compañía Nova Galega de Danza e máis recentemente, entrou a formar parte de Berrogüetto, onde participa dende principios do 2008. Dirixe e copresenta o espazo "Tres Peixes Voando", na Radio Galega, tamén xunto con Guillerme Fernández. Dende a súa etapa como profesor e logo director da escola de Música e Baile Tradicional do Concello de Ames, segue a súa actividade docente impartindo cursos de percusión e canto tradicionais en diferentes programas de escolas e conservatorios.

Compartir: