Inicio Carballo ao día Hemeroteca O rock, a música coral, os cantos de...

ACTIVIDADES ENTRE O 9 DE NOVEMBRO E O 1 DE DECEMBRO

O rock, a música coral, os cantos de berce, os sons de aquí ou a música clásica conforman o programa do Novembro con música

Mércores 7 de novembro do 2012

Moitas das citas incluídas no Novembro con Música 2012, poden ter lugar grazas ao Convenio Musical que se establece coas agrupacións do municipio e que implica a cesión de locais de ensaio no Pazo da Cultura, especialmente no caso das bandas de pop e rock, para que poidan desenvolver a súa creatividade musical. O festival rock Live in Cances abre a programación cun cartel formado por tres bandas de Carballo -Dude, Versión Imposible e The Killer Cats- e unha de Muros - Minileño-. A cita, organizada pola Asociación Cultural San Campio de Cances coa colaboración do Concello, é o venres 9 de novembro a partires das 22.00 horas no Local Social de Cances. Tamén grazas á colaboración entre o Concello e as agrupacións de música tradicional do municipio xorde o concerto Sons de aquí, que ten lugar o sábado 10 ás 21.00 horas no Pazo da Cultura. Un total de oito agrupacións, acompañadas pola Banda de Gaitas Municipal expoñen o mellor do seu repertorio: Cantareiras de San Campio de Cances, Asociación Lembranzas de Bergantiños de Bértoa, Grupo de Gaiteiros de San Cristovo, Cantareiras Xoldreira da AC Nemeth, Banda de Gaitas de Bergantiños de Bértoa, Cantareiras e Cantareiros de AC Arume, Escola de Gaitas da AC Arume, Cantareiras Névedas de AX Arume.

O programa da primeira fin de semana do NCM péchase o mesmo sábado 10, pero ás 19.00 horas cun Magosto en Razo que conta coa presenza de varias agrupacións folclóricas, co Grupo Samba, o Grupo de Teatro Vagalume e unha sesión de dj's. O programa do NCM nunca se esquece dos máis cativos e cativas, que teñen o seu espazo no ciclo En Familia, nesta edición con dúas citas. A primeira, o domingo 11, está patrocinada por Primera Persona e trátase dun cantacuentos musical a cargo de Susa Herrera e baseado no libro "Animales encantadores", no que os nenos e neas poden pasar unha tarde coñecendo a 10 animaliños moi especiais. A segunda, o domingo 25, é unha "Danza dos Instrumentos" a cargo do grupo de animación musical Os Tres Tenedores. Esta cita conta coa colaboración da Deputación. As dúas actuacións son ás 18.00 horas. A música coral ten dobre representación no programa, primeiro o sábado 17 de novembro co Festival de Corais -co Coro Aires de Bergantiños e a Coral Polifónica de Bergantiños- e tamén o sábado 24 co concerto na honra de Santa Cecilia, que neste caso trae como invitadas agrupacións da Coruña e Ordes. A música clásica ten como principal expoñente as actuacións programadas polo Conservatorio Profesional de Música. O venres 30 de novembro cun concerto con alumnado do centro e agrupacións musicais do Conservatorio, como o cuarteto de corda ou a masa coral, ademais dos solistas; e o sábado 1 de decembro coa Banda Municipal de Carballo -con Manuel Bello e Alexandro Montes- que pecha o programa do Novembro con Música.

Obradoiro de nanas e tres exposicións

Unha das propostas máis orixinais do NCM 2012 é un obradoiro de nanas dirixido a nais e pais, presentes ou futuros, así como a outr@s familiares e formadores que queiran aprender ou practicar o aproveitamento do poder emocional das nanas e cantos de berce para arrolar os seus bebés. Este pequeno obradoiro, impartido polo bergantiñán Xabier Díaz, cantante do grupo Berrogüetto e poo músico Guillerme Fernández, ten catro horas de duración, e desenvólvese o mércores 21 e o mércores 28 de novembro, en horario de 17.00 a 19.00 horas, no Pazo da Cultura. Nel poden participar un máximo de 25 persoas, ben soas, ben acompañadas do seu bebé. A inscrición é gratuíta e pode facerse no Servizo de Normalización Lingüística (no Pazo da Cultura) ou no teléfono 981 704 304, en días laborables en horario de mañá. Por último, durante o mes de novembro tres mostras visitarán as salas de exposición do Pazo da Cultura. A primeira delas xa está no andar -1 até o xoves 15 de novembro. Trátase de "Móvete por África: as mulleres, futuro dun continente", enmarcada nos actos programados pola Concellaría de Benestar para conmemorar o 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero.

Xa o 20 de novembro, e até o 10 de decembro, chega ao Pazo da Cultura "Ondas de Irmandade", unha mostra organizada pola Deputación da Coruña que inclúe a actuación do grupo de pandereteiras Faltriqueira e de Fol de Veneno nun concerto de música tradicional o venres 23 de novembro ás 21.00 horas. Por último o 27 de novembro chega a mostra itinerante "Galicia biodiversidade", organizada pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Medio Ambiente e coa colaboración da Obra Social La Caixa. Está dirixida ao alumnado dos centros de ensino do municipio, que terán a oportunidade de visitala a través de visitas guiadas. A través da mostra terán a oportunidade de coñecer a diversidade de especies animais e vexetais que se poden atopar en Galicia, os ecosistemas que habitan e as múltiples formas de ameaza que poden afectar as súas poboacións.

Compartir: