Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello espera levar a pleno a...

AS PRINCIPAIS MODIFICACIÓNS REFÍRENSE AO SOLO URBANO

O Concello espera levar a pleno a aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal antes de que remate o ano

Venres 9 de novembro do 2012

Unha vez que o documento incorpore todas as proposicións aceptadas, a maioría de carácter técnico, manterase unha nova xuntanza da Comisión de Urbanismo con todos os grupos municipais, ditaminarase o documento e levarase a proposta de aprobación inicial ao pleno da corporación. De recibir o PXOM o visto e prace, abriríase o período de exposición pública e presentación de alegacións, no que os veciños e veciñas teñen a oportunidade de presentar as súas propias achegas ou modificacións para o documento antes de envialo para un novo ditame da Xunta. Hai que lembrar que Carballo está inmerso nun proceso para aprobar un novo PXOM debido á anulación do planeamento aprobado en 2003, unha anulación ratificada por unha sentenza firme do Tribunal Supremo en novembro de 2011. Nestes momentos está vixente unha ordenación transitoria, que terá vixencia ata a aprobación dun novo PXOM, na que se adoptan como referencias principais as normas subsidiarias dos anos 80 para a clasificación do solo e a Lei 9/2002 de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia (LOUGA) para a aplicación das normas urbanísticas correspondentes en cada caso. Así mesmo, o pasado 11 de maio entrou en vigor a suspensión de licenzas decretada para as zonas nas que poderían entrar en colisión a vella normativa e a que está en tramitación nestes momentos. Esta situación, non obstante, non pode prolongarse máis alá de dous anos, polo que antes de maio do 2014 debería estar aprobado o novo documento de forma definitiva.

Compartir: