Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello acondiciona preto de 200 novas prazas...

A VILA CONTA CON CASE 3.500 APARCAMENTOS GRATUÍTOS

O Concello acondiciona preto de 200 novas prazas de estacionamento libre de vehículos na contorna da rúa Perú

Venres 16 de novembro do 2012

A administración local ten realizado un labor de acondicionamento de novas zonas de aparcamento nos últimos anos, así como de regulamento das existentes nas rúas do centro carballés, co obxecto de facilitar tanto a actividade comercial como as xestións administrativas na capital municipal. Os últimos espazos en incorporarse á rede de aparcadoiros foron dous solares que suman unha superficie de 3.500 metros cadrados tamén na contorna da rúa Perú. O Concello, ademais, favorece a creación de prazas de estacionamento evitando a presenza de vehículos lapa -ou ventosa- que ocupan unha mesma praza incluso durante todo o día, grazas á zona azul. Así, o casco urbano conta con máis de 550 prazas de aparcamento regulado por zona azul, uns espazos que foron creados pouco a pouco dende o ano 2002, en que se acondicionaron as primeiras prazas na contorna da Praza do Concello para irse estendendo se xeito concéntrico a outras zonas da capital municipal, chegando á rúa Sol, á rúa Rosalía de Castro ou á Milagrosa. A ultima incorporación de prazas á zona azul aprobouse no pleno de maio de 2012 coa creación de 64 novas prazas nas rúas Álvarez de Sotomaior, Gravador Manuel Facal e Luís Calvo, ademais de estenderse a toda a rúa Barcelona. A zona azul limita o aparcamento nestas prazas a 90 minutos, e impide, unha vez rematado este tempo, que o usuario poda estacionar de novo noutra praza de zona azul situada a menos de 250 metros do lugar de chegada.

Compartir: