Inicio Carballo ao día Hemeroteca Aprobado o expediente do Contrato privado de...

PRÓRROGA PARA OS TRABALLOS DA BIBLIOTECA

Aprobado o expediente do Contrato privado de arrendamento do local destinado a bar-cafetería no Mercado de Carballo

Luns 19 de novembro do 2012

No que respecta aos medios materiais destinados ao servizo, valorarase a maquinaria, material e equipo do que se vai dispor para a execución do contrato; a presentación dun plan cunha descrición detallada dos investimentos (inversións fixas no inmoble) que se realizarán, indicando a descrición, a calidade dos elementos a empregar e o orzamento detallado de cada unha das inversións previstas; unha descrición das medidas empregadas polo empresario para garantir a calidade do servizo; e a tecnoloxía empregada para a manipulación de alimentos. No que respecta á calidade, variedade e prezo dos menús, valorarase a garantía da calidade das materias primas, a composición e variedade dos menús, o uso de produtos con denominación de orixe ou ecolóxicos e a relación calidade prezo. No que se refire á prestación de productos preparados valorarase a prestación de tapas, bocadillos, cazolas, etc. para ser dispensados no local. E no que respecta ao mantemento, limpeza, conservación e reposición das instalacións, maquinaria e enxoval, valoraranse as melloras sen custo, exceptuando as referentes á limpeza. Deberá presentarse un programa específico e detallado da limpeza dos aseos públicos así como da contorna do local.

As proposicións presentaranse, en un sobre pechado, nas oficinas do Concello, nos quince días naturais a contar dende o seguinte ao que apareza publicado o anuncio no Boletín Oficial da Provincia (BOP) de A Coruña. Entre as obrigas que terá o futuro arrendatario, hai que subliñar, entre outras, que debe destinar o local arrendado ao desenvolvemento da actividade exclusiva de bar-cafetería; que está obrigado a cumprir o período total do contrato; desenvolver a actividade de maneira directa, non podendo en consecuencia o arrendatario ceder, enaxenar, traspasar, gravar ou subarrendar o local arrendado, nin en todo nin en parte; manter en bo estado de conservación o local comercial e as súas instalacións; dispor de todo o persoal específico e necesario para unha adecuada prestación dos servizos; ou manter o servizo aberto ao público en xeral nas datas e no horario que teña ofertado na súa proposición.

Prórroga para o contrato de obra da Biblioteca

A Xunta de Goberno Local tamén incluíu na orde do día unha prórroga para o Contrato administrativo da obra "Biblioteca de Carballo". Así, Ogmios, a empresa adxudicataria dos traballos, solicita unha prórroga para ampliar o prazo de execución das obras, que nun principio terían que estar rematadas o 31 de decembro de 2012 e que agora deben estar listas o 1 de marzo de 2013. A Biblioteca ocupa unha parcela de 1.500 metros cadrados na contorna da Rúa Pontevedra e contará con soto, planta baixa e un andar, ademais dun amplo patio interior. Os traballos foron adxudicados na Xunta de Goberno Local do 6 de xuño de 2011. Un total de 42 compañías optaron á execución do proxecto, que finalmente está levando a cabo Ogmios cun orzamento de adxudicación de 1.199.588 euros. A empresa adquiriu o compromiso de acometer as melloras sen custo adicional que recolle o prego de condicións e que están valoradas en aproximadamente 150.000 euros. O financiamento necesario está sendo achegado na súa totalidade polo Ministerio de Cultura. A Xunta de Goberno tamén supuxo a dación de conta dun convenio coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para desenvolver a programación cultural de novembro e decembro de 2012; así como a aprobación de tres licenzas de obra, catro de primeira ocupación e unha licenza de parcelación.

Compartir: