Inicio Carballo ao día Hemeroteca A corporación apoia de forma...

INAUGURADO O ALBERGUE DE TRANSEÚNTES SAN XOÁN BAUTISTA

A corporación apoia de forma unánime a creación dunha comisión de coordinación social para atender aos máis necesitados

Xoves 22 de novembro do 2012

A inauguración das novas instalacións serviu para redundar na conmemoración do Día Internacional dos Sen Fogar. Para habilitar o servizo, o Centro Social San Xoán Bautista solicitou unha subvención con cargo ao programa Leader 2007-2013, xestionado por Agader (Axencia Galega de Desenvolvemento Rural) a través do GDR Bergantiños (Grupo de Desenvolvemento Rural da Comarca de Bergantiños) que preside o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. A iniciativa foi executada en dúas fases cun investimento total que roldou os 160.000 euros e acadou unha porcentaxe de axuda do 87 por cento, a máxima posible dentro do plan Leader debido a que se trata dunha proposta sen ánimo de lucro. O proxecto consistiu na rehabilitación das instalacións dun edificio para a creación dun 'Centro de Día' (Fase I) e dun 'Albergue para transeúntes' (Fase II) co fin de prestar unha mellor atención benéfico-social, humanitaria e de promoción social; así como facilitar a participación, fomento e a práctica de actividades culturais, xuvenís, recreativas, formativas, asistenciais, deportivas e artísticas que contribúan á elevación dos niveis educativos e culturais da comunidade de Carballo e a súa comarca. Os principais colectivos destinatarios do proxecto serán nenos, mozos e adultos de familias desfavorecidas e en risco de exclusión social, terceira idade e transeúntes sen teito.

Como presidente do GDR Bergantiños, Evencio Ferrero, subliñou durante o acto de inauguración que nestes "tempos de moitas dificultades todos temos que pensar nos demais", e "unir esforzos para pensar no ben común". Quixo agradecer a colaboración do Agader e do Centro Social, especialmente neste último caso, con "persoas que traballan antepoñendo os intereses colectivos por enriba dos persoais" e manifestou a vontade do Concello de seguir colaborando neste tipo de iniciativas. A cita contou coa presenza do Director Xeral do Agader, Antonio Crespo Iglesias, que quixo romper unha lanza "a favor da xente que está ao pé do canón nestes proxectos", verdadeiros "heroes" que dedican "total ou parcialmente a súa vida ao servizo dos demais". Quixo felicitar aos responsables da creación destas instalacións que poderán axudar "a xente que realmente o necesita". No acto de inauguración do novo Centro de Inclusión e Albergue -que dispón de cociña, baño, salón e tres cuartos dobres para dar cabida a un máximo de seis persoas- tamén estivo presente o cura párroco José García Gondar, como mestre de cerimonias; o Alcalde da Laracha e secretario do GDR Bergantiños, José Manuel López Varela; o Deputado autonómico e concelleiro carballés Aurelio Núñez Centeno; o voceiro de TEGA na corporación Manuel Andrade; o Sarxento da Policía Local, Constantino Vázquez; o Director de Cáritas Interparroquial de Carballo, Francisco Suárez Calvo; e representantes da Garda Civil e numerosos colaboradores do Centro Social, de Cáritas e da parroquia.

Compartir: