Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno aborda a adaptación dos prezos...

APROBACIÓN DEFINITIVA DA ORDENANZA DA TAXA DE LIXO

O pleno aborda a adaptación dos prezos públicos polo uso das instalacións deportivas ao IPC e a aprobación do POS 2013

Venres 23 de novembro do 2012

A proposta de modificación da ordenanza tamén inclúe, recollendo a suxestión dunha moción presentada polo PP nun pleno anterior, a modificación dos integrantes do abono familiar. Así, proponse que se inclúan aqueles cónxuxes e fillos menores de 18 anos, así como aqueles fillos menores de 25 anos que cumpran os seguintes requisitos: que residan no mesmo domicilio que o titular do abono, debendo estar empadroados no mesmo enderezo; que se atopen en situación de desemprego no momento de solicitar a inclusión no abono; que os ingresos da unidade de convivencia sexan iguais ou inferiores ao 75 por cento do IPREM de cada ano en curso (Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples, estimado en 532,51 € ao mes para 2012), dividido polo número de integrantes da unidade familiar -renta per capita-.

No apartado de obras, a sesión inclúe a aprobación do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (POS 2013), e Plan complementario. O POS recolle tres actuacións, a primeira dela tendo en conta unha suxerencia de TEGA realizada hai varios meses para a creación da 2ª fase dunha Rede de saneamento en Castelo, parroquia de Vilela, por 129.044,62 euros; o POS recolle, así mesmo, a Rede e mellora do abastecemento en Xoane (parroquia de Goiáns) e Carracedo (parroquia de Ardaña), por 107.355,80 euros; e por último o Rebacheo e mellora da rodadura en varios camiños das parroquias de Razo, Sofán, Berdillo, Lema, Aldemunde, Goiáns e Carballo, por 93.037,71 euros. O importe total do POS 2013 sería de 675.348,19 euros, dos que 345.910,06 destinaríanse a gasto corrente. A proposta inclúe o Plan complementario, que inclúe o Rebacheo e mellora da rodadura en varios camiños das parroquias de Oza, Entrecruces e Rus por 44.987,26 euros.

Modificación de crédito para pagar o gasto eléctrico e de recadación

No apartado de Facenda, inclúese un asunto non debatido en comisión informativa pero recollido na sesión que propón unha modificación de crédito e transferencia de crédito destinada a abonar as facturas derivadas do consumo de enerxía eléctrica (199.364,46 euros) e da recadación voluntaria (100.635,54 euros) antes de que remate 2012 para cubrir a maioría do gasto derivado por estes conceptos durante o exercicio que está a piques de rematar. O Alcalde, Evencio Ferrero, explica que estes pagos adoitan realizarse a primeiros do ano seguinte, neste caso en xaneiro de 2013. Porén, os servizos económicos avalían a boa situación das contas a finais do presente exercicio e recomendan adiantar os pagos. O gasto financiarase con cargo ao importe de partidas do orzamento de 2012 que non se van esgotar antes de que remate o ano, como son a de proxectos técnicos, compra de terreos e construcións e melloras de saneamento para o proxecto Anllóns-Bardoso, que suman exactamente os 300.000 euros necesarios.

Entre os asuntos económicos, o pleno tamén aborda a resolución de alegacións e a aprobación definitiva da modificación da Ordenanza fiscal nº 6, reguladora das taxas de recollida de lixo para 2013. Rexistrouse en tempo e forma unha única alegación referida fundamentalmente ás condicións para o cobramento da taxa a vivendas desocupadas. A alegación foi informada negativamente pola Oficina Técnica, ao determinar, entre outras cousas, que a súa admisión suporía a anulación da mesma modificación na súa totalidade. Por último, a sesión inclúe a aprobación do Presuposto e financiamento do proxecto Anllóns-Bardoso, que debe ser modificado ao non realizar o Concello o 30 por cento da obra no ano 2012 e o 70 por cento en 2013, tal e como estaba recollido no cadro de gasto do proxecto. Ao tratarse dunha obra plurianual, o pleno debe ratificar os cambios na planificación, que implican que en 2013 deberá executarse máis do 70 por cento do importe. A actuación conta cun orzamento total de 3.831.788,74 euros, IVA incluído, dos que 1.153.754,00 euros corresponden á Fase I e 2.678.034,74 euros á Fase II.

Compartir: