Inicio Carballo ao día Hemeroteca A exposición "Ondas de Irmandade...

NA SALA DO ANDAR -1: DE 18.00 A 21.00 HORAS

A exposición "Ondas de Irmandade II" conmemora no Pazo da Cultura o centenario do asociacionismo mariñeiro

Sábado 24 de novembro do 2012

"Ondas de Irmandade" é unha serie de exposicións que conmemoran o centenario do asociacionismo mariñeiro no golfo Ártabro. A primeira destas mostras homenaxeaba á "Hermadad Marítima" de Pontedeume, fundada en 1908. A segunda, que está agora en itinerancia, lembra á sociedade "Vigilancia de la Ría" de Sada. Creada en 1909, defendeu activamente a riqueza pesqueira, apoiando a regulación dos sistemas extractivos e denunciando o uso da dinamita e outros métodos prexudiciais. A mostra, encargada pola Confraría de Pescadores de Sada, estreouse en 2010 na Casa do Mar da vila. Realizada coa axuda da Consellería do Mar, quere servir para coñecer os protagonistas e recoñecer o seu labor. Os interesados e interesadas en ver a mostra atoparanse con planas de La Voz de Galicia, paneis explicativos, maquetas dalgunhas das embarcacións galegas máis tradicionais ou unha selección das coleccións fotográficas de Moncho Castilla, Carmen Galán, Abelardo García, Eduardo Guillén, José Parga e Manuel Pérez, ademais doutras imaxes sacadas do Arquivo do Reino de Galicia, o Centro Galego de Artes da Imaxe, o Museo Anfaco da Industria Conserveira, o Museo Naval de Ferrol, o Museo do Pobo Galego ou a Real Academia Galega. O material fílmico que complementa a mostra procede do CGAI, MPG e do Museo Massó, con gravacións da TVG e noticieiros da Filmoteca Nacional. Entre os obxectos destacan as maquetas das embarcacións realizadas por Lolo Placer Piñeiro e as esculturas de Ramón Carbón Arca e Miguel Márquez Balea. O grupo de cantareiras Faltriqueira cedeu, ademais, os seus libros de temática mariñeira.

Compartir: