Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno ratifica a aprobación da Ordenanza...

ACTUALÍZANSE OS PREZOS DE USO DAS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS

O pleno ratifica a aprobación da Ordenanza reguladora da taxa do lixo e dá luz verde ao financiamento do proxecto Anllóns-Bardoso

Martes 27 de novembro do 2012

Seguindo coas ordenanzas, saíu adiante a modificación da Ordenanza fiscal nº 22, reguladora dos prezos públicos pola prestación de servizos nas instalacións deportivas municipais para 2013. Así, adáptanse as cotas á suba do IPC, estimada nun 3,8 por cento. Os prezos serían os seguintes, xa aplicada a suba: cota de matrícula, 20,00 € (permanece invariable); abono individual (de 18 a 59 anos): 16,31 €/mes; abono individual xove (ata 18 anos): 13,04 €/mes; abono familiar: 21,74 €/mes; abono a partir de 60 anos: 13,04 €/mes; abono para colectivos desfavorecidos: 9,78 €/mes; e abono de mañá: 14,13 €/mes. Quedou sobre da mesa, en cambio, a parte da ordenanza referida á modificación do abono familiar. A proposta do goberno, realizada logo dunha suxestión do PP, era que, ademais dos menores de 18 anos, se mantiveran no abono aqueles fillos menores de 25 anos que cumprisen certos requisitos, entre eles que os ingresos da unidade de convivencia fosen iguais ou inferiores ao 75 por cento do IPREM de cada ano en curso (Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples, estimado en 532,51 € ao mes para 2012), dividido polo número de integrantes da unidade familiar -renta per capita-. Finalmente, e dado que estas condicións non convencían a todos os grupos e a raíz dunha proposta do líder de TEGA, Manuel Andrade, está previsto que os voceiros municipais manteñan unha xuntanza co persoal do Padroado Deportivo Municipal para tentar atopar uns baremos consensuados para os menores de 25 anos (un total de 137 aboados).

Plan de Obras e Servizos e Modificación de crédito

A sesión tamén supuxo luz verde para o Presuposto e financiamento do proxecto Anllóns-Bardoso, que debe ser modificado ao non realizar o Concello o 30 por cento da obra no ano 2012 e o 70 por cento en 2013, tal e como estaba recollido no cadro de gasto do proxecto. Ao tratarse dunha obra plurianual, o pleno é o encargado de ratificar os cambios na planificación, que implican que en 2013 deberá executarse máis do 70 por cento do importe. A actuación conta cun orzamento total de 3.831.788,74 euros, IVA incluído, dos que 1.153.754,00 euros corresponden á Fase I e 2.678.034,74 euros á Fase II. Tamén no apartado de obras aprobouse o Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (POS 2013) e o Plan complementario cos votos a favor do goberno e a abstención de todos os grupos da oposición. O POS recolle tres actuacións: a creación da 2ª fase dunha Rede de saneamento en Castelo, parroquia de Vilela, por 129.044,62 euros; a Rede e mellora do abastecemento en Xoane (parroquia de Goiáns) e Carracedo (parroquia de Ardaña), por 107.355,80 euros; e o Rebacheo e mellora da rodadura en varios camiños das parroquias de Razo, Sofán, Berdillo, Lema, Aldemunde, Goiáns e Carballo, por 93.037,71 euros. O importe total do POS 2013 sería de 675.348,19 euros, dos que 345.910,06 destinaríanse a gasto corrente. A proposta inclúe o Plan complementario co Rebacheo e mellora da rodadura en varios camiños das parroquias de Oza, Entrecruces e Rus por 44.987,26 euros.

Por último, o pleno aprobou unha modificación de crédito e transferencia de crédito destinada a abonar as facturas derivadas do consumo de enerxía eléctrica (199.364,46 euros) e da recadación voluntaria (100.635,54 euros) antes de que remate 2012 para cubrir a maioría do gasto derivado por estes conceptos durante o exercicio que está a piques de rematar. Estes pagos adoitan realizarse a primeiros do ano seguinte, neste caso en xaneiro de 2013. Porén, os servizos económicos avalían a boa situación das contas a finais do presente exercicio e recomendan adiantar os pagos. O gasto financiarase con cargo ao importe de partidas do orzamento de 2012 que non se van esgotar antes de que remate o ano, como son a de proxectos técnicos, compra de terreos e construcións e melloras de saneamento para o proxecto Anllóns-Bardoso, que suman exactamente os 300.000 euros necesarios.

Compartir: