Inicio Carballo ao día Hemeroteca Doutores e especialistas de Holanda, Brasil ou...

NO FÓRUM CARBALLO ENTRE O 30 DE NOVEMBRO E O 2 DE DECEMBRO

Doutores e especialistas de Holanda, Brasil ou Noruega danse cita no Congreso Internacional de Salvamento e Socorrismo 2012

Mércores 28 de novembro do 2012

No caso do rescate en embarcacións e co Helimer, o responsable de Protección Civil de Carballo, Javier Souto Facal, explica que pode haber algunha variación se hai algún risco, xa que as previsións de ondas de máis de 3,5 metros para a fin de semana poden facer que algunha demostración revista demasiada perigosidade. Polo mesmo motivo, a presidenta da Fessga engade que no caso do rescate con cans podería trasladarse a demostración a Baldaio, dependendo das condicións do mar. Ademais de coas exhibicións, o programa do sábado complétase cunha competición da Aecsa (Asociación Española de Clubs de Salvamento), a partir das 17.00 horas en categorías Infantil e Cadete; e péchase cunha Cea Oficial de conmemoración do 15 aniversario da Fessga, na que se entregarán os premios da tempada deportiva da Federación 2011-2012, dun concurso fotográfico, do trofeo Open Aecsa e dos premios aos clubs do circuíto Aecsa 2012. Respecto dos relatores e expertos que participan no Congreso durante os tres días, Nuria Rodríguez quixo subliñar a presenza de doutores de sona internacional e especialmente de Antonio Rodríguez Sotillo, presidente da Fundación Averhó que se centrará na "Atención integral ao paciente con lesión medular", un experto que realiza un extraordinario traballo neste ámbito, segundo Rodríguez.

O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, manifestou no nome do Concello carballés que é "unha honra" poder acoller un Congreso de tal relevancia, especialmente polo "bo servizo de socorrismo" do municipio e pola tradición deportiva que existe na disciplina do salvamento en Carballo, coa presenza de dous clubs: Sysca e Serca. Así mesmo, resaltou que durante toda a fin de semana Carballo "vai ter moita vida nun momento de tempada baixa", repercutindo o evento positivamente no comercio e a hostalería da vila. No aspecto do salvamento, Javier Souto Facal quixo engadir que todas as instalación municipais son dende este ano "espazos cardio protexidos", ao contar con desfibriladores semi automáticos que axudan a salvar vidas, como ocorreu recentemente no Campo Municipal de As Eiroas. Pola súa banda, o Alcalde, Evencio Ferrero, manifestou que o Concello estará sempre a disposición da Federación para que Carballo sexa un lugar de encontro e subliñou a oportunidade que supón este Congreso para "poñer en valor" lugares extraordinarios como Razo-Baldaio ou "o río que nos articula", o Anllóns. Os interesados e interesadas poden descargar o programa de ponencias e actividades ao completo nun documento en pdf nesta mesma nova. Tamén está dispoñible a web da Fessga.

Compartir: