Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Congreso Internacional de Salvamento e...

O SÁBADO 1 DE NOVEMBRO ESTÁN PREVISTAS EXHIBICIÓNS DE RESCATE

O Congreso Internacional de Salvamento e Socorrismo 2012 arrinca coa arela de axudar aos profesionais do sector

Venres 30 de novembro do 2012

Durante a xornada de hoxe -venres 30 de novembro- a actividade céntrase no auditorio do Fórum, onde os relatores abordan temas que van desde os factores de perigosidade dunha piscina, ata o tratamento das hemorraxias, a atención para doentes con lesións medulares ou os aspectos xurídicos do exercicio profesional do socorrismo acuático en Galicia. Porén, o sábado 1 é o día que aglutina todas as exhibicións de rescates. En zona seca está prevista unha exhibición do posto de mando avanzado da Axega (Axencia Galega de Emerxencias); unha exhibición de intervención canina de Casaga (asociación de Cans de Salvamento de Galicia); un taller de excarceración de accidentado por parte de Protección Civil de Carballo; e un obradoiro de desfibrilación semiautomática. En zona de auga realizarase un rescate con medios cinolóxicos; un simulacro de rescate cunha embarcación de Protección Civil de Carballo; un obradoiro de rescate con táboa e un obradoiro de rescate en ríos e acantilados. As citas comezan ás 14.00 horas, en que se comeza coa exhibición en augas doces en Verdes, continúase en Razo-Baldaio -en que está previsto un rescate na zona da Cabreira coa colaboración do helicóptero Helimer Galicia- e finalizarase na explanada posterior do Fórum Carballo co obradoiro de excarceración. O domingo 2 é o peche do Congreso de novo con ponencias e rematando cunha mesa redonda sobre "Salvamento e Profesión: necesidades actuais e novos horizontes".

Os interesados e interesadas poden descargar o programa completo do Congreso Internacional de Salvamento e Socorrismo 2012 nun documento en pdf nesta mesma nova.

Compartir: