Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello arranxa beirarrúas en varios...

A NOVA ÁREA RECREATIVA ROLDA OS 3.000 METROS CADRADOS

O Concello arranxa beirarrúas en varios puntos da capital municipal e acondiciona unha nova zona verde en Rego da Balsa

Mércores 5 de decembro do 2012

O obxectivo desta pequena actuación (na imaxe) é o de poñer en valor este espazo situado a carón dun centro de ensino e dun río, e que ten experimentado unha grande expansión nos últimos anos debido á presenza na contorna de dúas escolas infantís, un instituto e un centro comercial. Outro dos obxectivos é o de seguir recuperando as marxes do río ao seu paso pola capital municipal. O acceso á nova área realizarase a través da rúa Médico Manuel Rodríquez e está previsto que a actuación estea completamente rematada nun prazo de dous meses, cando se espera que o céspede teña prendido. Tamén no apartado de obras, aínda que neste caso en relación co tráfico, hai que mencionar que a pasada semana principiaron na capital municipal os traballos para crear seis novos pasos de peóns elevados. Os puntos onde estarán situados son: as rúas Carballo Calero (fronte á piscina), Pan (fronte ao Pazo da Cultura), Martín Herrera (fronte á igrexa parroquial), Avenida de Bergantiños, Igrexa e Sol. Os lugares foron escollidos por tratarse de espazos próximos a edificios públicos e con moito tránsito de veciños e veciñas. As actuacións inclúen a construción, pintado e sinalización vertical dos pasos de peóns, e nalgúns puntos tamén será preciso realizar pequenas modificacións nos sumidoiros.

Compartir: