Inicio Carballo ao día Hemeroteca Rematados esta semana os traballos para dotar ao...

O CENTRO PROMOVE CAMPAÑAS DE RECICLAXE E RECOLLIDA DE ALIMENTOS

Rematados esta semana os traballos para dotar ao CEIP Gándara-Sofán de novos aseos na planta baixa

Mércores 12 de decembro do 2012

Por outra banda, dende o CEIP Gándara-Sofán tamén informan de que este curso están participando en varias campañas solidarias nas que poden colaborar non só os alumnos e alumnas do centro, senón as súas familias e os veciños e veciñas da parroquia e do municipio que así o desexen. En primeiro lugar, manteñen a recollida de tapóns para Lola, unha nena da Coruña que padece parálise cerebral e que necesita varias operacións para mellorar a súa calidade de vida. No que vai de curso o centro xa ten superado o recollido no curso anterior, xa que desta volta tamén colabora na iniciativa a ANPA do CEIP Bormoio de Agualada de Coristanco. O centro carballés toma parte, así mesmo, na campaña "Un quilo un sorriso!!!", na que quen o desexe doa alimentos non perecedoiros. Dende o centro os rapaces e rapazas encárganse da súa almacenaxe e posteriormente entréganse a Cruz Vermella de Carballo. A esta iniciativa pódense unir todos os veciños e veciñas da parroquia até o 21 de decembro.

Por último, o centro tamén colabora na recollida de móbiles usados, mp3, mp4, pendrives ou aparellos similares para donalos a STOP Sanfilippo, unha ONG que traballa para loitar contra esta enfermidade. Así, a organización doa os cartos conseguidos ao estudo desta doenza dexenerativa e mortal que se manifesta durante a nenez. Esta campaña prolóngase até o 31 de xaneiro, e o CEIP Gándara-Sofán quere invitar a calquera veciño ou veciña do Concello a reciclar eses aparellos vellos e rotos. Tan só teñen que achegarse ás instalacións do centro en Sofán. Para rematar, o colexio tamén colabora coa recollida de roupa e calzado para a ONG Glor, que doa esas prendas aos máis necesitados.

Compartir: