Inicio Carballo ao día Hemeroteca Contacontos, maxia, música, libros,...

ENTRE O 15 DE DECEMBRO E O 6 DE XANEIRO

Contacontos, maxia, música, libros, teatro, chocolate ou os Reis Magos: protagonistas do Nadal Cultural 2012

Mércores 12 de decembro do 2012

As dúas citas centrais do Nadal Cultural son a Cabalgata de Reis e o Nadal Pequespectacular. No segundo caso as funcións comezan o mércores 26 de decembro con Elefante Elegante que presenta "Nuncabunga", para público de entre 4 e 12 anos. O xoves 27 tócalle ao Mago Romarís con "Magia Potagia", introducindo un dos xéneros que máis éxito ten entre os cativos e cativas, traballado neste caso por Romarís dende o punto de vista do público e creando propostas escénicas innovadoras. O venres 28 péchase o ciclo con Mamá Cabra e "Cantos pequenos". Dirixida a maiores de 4 anos, esta cita supón un repaso á traxectoria vital deste grupo de música infantil, cun paseo sonoro polos seus 11 anos de vida. Compoñen un espectáculo cheo de cancións que forman parte da memoria colectiva. Todas as citas custan 2,5 € (2 € con desconto para menores de 12 anos e mairores de 65). Todas as funcións son ás 18.00 horas e contan coa colaboración da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais). No que respecta á Cabalgata de Reis, como cada ano, non estará só na capital municipal, senón tamén nas parroquias cos itinerarios e horarios de anos anteriores e un total de 12 citas repartidas entre os días 5 e 6 de xaneiro. A do casco urbano é o sábado 5 de xaneiro con saída ás 17.30 horas do CCB-Haley e remata ás 20.00 horas, aproximadamente, na Praza do Concello. Organizada pola AX Fogar da Xuventude, conta co patrocinio de CCB-Haley, La Caixa, Automóbiles Gonzacar e Aquileres Reneymar.

Contacontos e Chocolatada na Ludoteca

Ademais do Pazo da Cultura, a Ludoteca Municipal é outro dos lugares que aglutina as citas para os cativos e cativas durante o Nadal. Así, haberá contacontos para maiores de 3 anos o martes 18 con Baobab Teatro a partir das 18.00 horas. E os nenos e nenas teñen a oportunidade de despedir o ano o venres 28 cunha Chocolatada ás 19.30 horas. Para asistir a esta última actividade é necesaria unha invitación previa que debe recollerse na propia Ludoteca. Grazas á colaboración das entidades e asociacións do municipio, o programa do Nadal Cultural complétase cunha serie de citas de grande interese. Entre elas, hai que mencionar, por exemplo, a presentación do libro de Xan Fraga "Crónicas de Carballo IV" organizada pola AC Lumieira no Pazo da Cultura; o Festival de Nadal de Aspaber; a derradeira ruta do I Outono en Marcha titulada "As pegadas do wolframio"; ou a actividade "Os Reis Magos tamén bailan rock & roll", unha novidade da Asociación Cultural Rebeldía dirixida a todos os públicos na Praza do Concello os días 28 e 30 de decembro.

Por último, hai que lembrar que, como cada ano, o Concello felicita o Nadal cun cartel e unha postal elixido a través dun concurso no que nesta edición participaron un total de 1.233 nenos e nenas con debuxos realizados entre 13 colexios de Educación Infantil e Primaria de Carballo e a ANPA A Braña de Rus. Resultou elexida como Postal gañadora a presentada por Nerea Vilariño Cabeza, de 11 anos e alumna do CEIP A Cristina, outorgándoselle un premio de 175 euros en libros e xoguetes educativos e un diploma, ademais de 150 euros en material didáctico para o colexio. Como 2º premio e cartel Nadal foi elixida a imaxe presentada por Diego García Espasandín, de 5 anos, do CEIP Xesús San Luís Romero, outorgándoselle un premio de 100 euros en libros e xoguetes educativos e un diploma. Máis información sobre os premios, aquí.

Os interesados e interesadas tamén poden consultar nesta mesma nova o programa do Nadal Cultural ao completo, así como as imaxes gañadoras do cartel e postal de Nadal. Tamén é posible enviar unha postal de felicitación de Nadal por correo electrónico coa imaxe gañadora do concurso, premendo aquí.

Compartir: