Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo presenta o Pedibús, un proxecto...

A PRIMEIRA ETAPA INCLÚE OBRADOIROS E A CREACIÓN DE RUTAS A PÉ

Carballo presenta o Pedibús, un proxecto de mobilidade alternativa para o alumnado dos centros de ensino da capital municipal

Venres 14 de decembro do 2012

Precisamente co obxecto de implicar á comunidade educativa, o primeiro paso comeza en xaneiro, coa celebración de obradoiros de educación viaria nos colexios e co estudo das rutas máis seguras para ir a cada centro. Así mesmo, haberá actividades formativas para os monitores voluntarios (fundamentalmente nais e pais das ANPAS) que se ofrezan a guiar as rutas, estudaranse as paradas para recoller aos cativos e cativas, prepararase o material, que inclúe chalecos reflectantes ou sinais de "STOP" de man, e tentarase difundir o proxecto para acadar tamén a comprensión da veciñanza dos barrios. O Concello espera que en primavera xa poidan estar en marcha as primeiras rutas. Neste proxecto, tamén é moi importante a implicación da Policía Local, que non só colaborará cos talleres de educación viaria, senón vixiando as rutas nas primeiras etapas do proxecto. Os representantes das ANPAS presentes na xuntanza mostráronse receptivos coa iniciativa e favorables a colaborar para facer que sexa unha realidade. Algúns admitiron a perigosidade que revisten os atascos que se producen nestes momentos, especialmente nos accesos aos CEIP A Cristina, Bergantiños e Fogar, este último un dos centros con máis alumnado de Galicia. O programa completarase, ademais, coa recompilación de datos a través de enquisas e unidades didácticas, e con actividades lúdicas e a exposición para os centros "Carapuchiña camiña soa".

Así, o Pedibús pretende ser un proxecto que faga de Carballo unha vila máis habitable e segura, que supoña para os nenos e nenas novas oportunidades de aprendizaxe e diversión de camiño ao colexio e de incrementar a súa autonomía e que para o Concello sexa unha aposta pola diminución dos atascos ás portas dos centros educativos e se converta nunha forma de loitar contra a contaminación e a inseguridade na contorna escolar. Por outra banda, hai cidades galegas que xa teñen implantado o sistema con éxito, como Ourense ou Pontevedra. Os interesados e interesadas en obter máis información, poden facelo consultando varias ligazóns nesta mesma nova.

Compartir: