Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello amplía os horarios do Punto...

RETÁRDASE A RETIRADA DO CARTÓN PREGADO A PÉ DE PORTA

O Concello amplía os horarios do Punto Limpo e Punto Limpo Móbil e reordena o servizo de recollida de lixo

Martes 18 de decembro do 2012

Ademais dos cambios xa mencionados, no seu momento a UTE ofertou varias melloras que tamén se están implementando como o aumento do horario da Canceira Municipal; a creación de accesos para minusválidos en determinados colectores; un incremento no número de colectores obrigatorios que esixe o prego de condicións; o incremento nos tempos de recollida de envases, papel e vidro na zona rural; e unha mellora tecnolóxica coa presenza dun camión bicompartimentado, que permite recoller á vez envases e papel na zona rural. Tamén se está realizando unha reorganización dos percorridos de recollida no rural e no casco urbano. Neste último caso, o servizo realízano dous camións á vez, o que permite axilizar a recollida. Hai que lembrar que Carballo dispón dun servizo de recollida selectiva de lixo. Os habitantes do municipio poden contribuír deste xeito á defensa do medio, separando o lixo no seu domicilio en envases, cartón, vidro e residuos orgánicos, ademais dos voluminosos (electrodomésticos, mobles, aparatos electrónicos, etc.) que deben xestionarse a través do Punto Limpo. Por tanto, existen colectores específicos para cada tipo de refugallos. Así, os restos orgánicos deben depositarse no colector verde, os bricks e as latas no colector amarelo e o papel e o cartón no azul. O vidro vai aos iglús verdes. Por último, as baterías e os medicamentos son recollidos en diversos establecementos colaboradores e nas farmacias da vila, respectivamente. Os residuos orgánicos só deben depositarse no colector entre as 19:00 e as 22:00 horas, sempre nunha bolsa pechada.

Os interesados e interesadas poden obter máis información en <www.carballolimpo.com>.

Compartir: