Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Bolsa de Traballo Municipal xa conta con...

ESTÁ EN FUNCIONAMENTO DENDE O 19 DE NOVEMBRO

A Bolsa de Traballo Municipal xa conta con máis de 200 demandantes de emprego e ten culminado dúas insercións laborais

Venres 21 de decembro do 2012

Durante o seu primeiro mes de vida, o servizo ten xestionado e captado dúas ofertas de emprego con éxito. Así, unha persoa da Bolsa de Traballo con experiencia no sector cubriu un posto como dependenta de telefonía móbil nun establecemento de Carballo. E a segunda oferta satisfeita foi para un operario e repartidor nunha panadería, tamén da vila, a pesares da dificultade pola especialización do posto e o horario nocturno. Os dous casos están pechados de forma positiva e co visto e prace non só dos traballadores e traballadoras municipais, senón tamén das empresas, xa que en apenas dous días dispuxeron dunha listaxe de candidatos e candidatas válidos e axustados ao seu perfil, tanto pola formación e experiencia que reflicten os seus currículos, como polas capacidades e habilidades que os responsables da Bolsa captan nas entrevistas personalizadas que levan a cabo cos aspirantes.

Respecto das características dos candidatos e candidatas, trátase de persoas tanto da vila como de fóra dela, especialmente da Costa da Morte, de localidades da contorna ou incluso de grandes cidades e de fóra da provincia. O perfil profesional é variado, aínda que se caracteriza especialmente pola ampla experiencia laboral, sobre todo no sector da construción e relacionados (encofradores, albaneis, electricistas, fontaneiros, operadores de máquinas como retro excavadoras, palistas, etc.). Por outra banda, tamén hai moitas persoas que están comezando a súa vida profesional, contan con ampla formación e preparación no seu currículo e estudos superiores, pero por culpa da crise económica e a súa menor experiencia están en situación de desemprego. Neste caso aspiran a traballar non só en Carballo, senón tamén noutras vilas, cidades ou incluso países. Por último, outro dos perfís máis frecuentes refírese ás mulleres en xeral, e especialmente aquelas que se teñen dedicado ao coidado dos fillos e fillas ou de persoas maiores e que agora, ao cambiaren as súas circunstancias, dispoñen de máis tempo para reinserirse no mercado laboral ou incluso na formación profesional para o emprego.

Contacto e servizo a empresas

Os traballadores e traballadoras da Bolsa de Traballo detectan que a maioría dos candidatos e candidatas están moi ilusionados con esta oportunidade, xa que entenden o obxectivo desta nova plataforma de axudarlles na súa busca de emprego, ofertándolles ocupacións que entran dentro das súas perspectivas laborais. Ademais, a base de datos que se manexa é dinámica e os usuarios e usuarias poden modificar os seus datos cando así o consideren. Os interesados e interesadas en contactar coa Bolsa de Traballo, poden facelo no enderezo electrónico <bdt@carballo.org> ou a través do número de teléfono 981 709 011. Tamén poden acudir directamente ao servizo no Fórum Carballo, Praza dos Bombeiros Voluntarios s/n (barrio da Milagrosa). Dende a Bolsa de Traballo animan, así mesmo ás empresas a que se poñan en contacto co servizo para informarse sobre o seu funcionamento e dado que ten carácter gratuíto. As empresas poden obter listaxes de currículos de aspirantes previamente valorados, así como contar con acceso ás instalacións para realizar cursos de formación, procesos de recrutamento, etc. Os interesados e interesadas poden preguntar por Milagros Antelo ou por Mª Dolores Serrano.

Compartir: