Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo recupera o equipo de balonmán...

A PARTIR DAS 10.00 HORAS NO PAVILLÓN VILA DE NOIA

Carballo recupera o equipo de balonmán feminino sénior e celebra un Torneo o sábado 29 de decembro

Xoves 27 de decembro do 2012

Hai que lembrar que o Balonmán Xiria Feminino competiu ata 2007 na Liga Galega de Balonmán, sendo unha referencia para este deporte na provincia e incluso acadando o cuarto posto da Liga na última tempada que xogou e gañando a Copa Galega de Balonmán ese ano. O equipo volve tamén coa arela de ofrecerlles ás rapazas da vila a oportunidade de practicar o deporte do balonmán. Na formación actual hai moitas caras xa coñecidas pero tamén novas incorporacións e as xogadoras sénior están sendo adestradas por Elena Alcoba. No caso das cadetes o adestrador é Pablo Filgueira. Unha das sénior, Juana Garrochena, manifestou durante a presentación do Torneo que moitas delas seguían vinculadas ao balonmán e que comezaron en agosto co único obxectivo de xogar en Carballo. O Alcalde, Evencio Ferrero, recoñeceu que, aínda que o deporte carballés conta con moitas fortalezas e un grande número de boas escolas deportivas, é certo que unha das súas eivas é o deporte feminino, polo que expresou a vontade do Concello de seguir apoiando a práctica do deporte entre as femias. Dende as Escolas de Balonmán Xiria queren agradecer a colaboración de todos os clubs invitados, que contribúen así á consolidación do novo equipo, así como do Concello de Carballo, a Federación Galega de Balonmán e a Escola Galega de Árbitros, por facer o esforzo de favorecer a celebración desta cita un sábado nunhas datas tan sinaladas.

Respecto dos horarios do torneo máis polo miúdo: ás 10.30 enfróntanse o Balonmán Xiria e o Narón; ás 12.00 o Lalín e o Lavadores; en cadete ás 15.30 dispútase o Xiria-BM Xallas. Ás 16.30 é a loita polo terceiro e cuarto posto para a categoría sénior e a final é ás 18.00 horas. A entrega de premios está prevista para ás 19.15 horas. As Escolas de Balonmán Xiria animan a todas as nenas e rapazas de catro anos en diante a que se apunten para contribuír a recuperar a boa saúde do balonmán feminino no municipio. As interesadas poden chamar ao 609 560 955 e falar con Marcos Rodríguez, que proporcionará toda a información necesaria. Na rolda de prensa tamén estiveron presentes Alex Cousillas, presidente das Escolas de Balonmán Xiria; e Marcos Trigo, Concelleiro de Deporte.

Compartir: