Inicio Carballo ao día Hemeroteca O proxecto Fórum emprende en 2013...

DESENVOLVERANSE MÓDULOS PARA EMPRENDEDORES E PROFESIONAIS

O proxecto Fórum emprende en 2013 actividades para dinamizar o mercado laboral e ofrecer novas oportunidades para as empresas

Venres 28 de decembro do 2012

Así, a partir de febreiro de 2013 e durante o primeiro cuadrimestre do ano celebraranse distintos módulos para redundar na formación dos veciños e veciñas coa celebración de actividades de coaching para o desenvolvemento profesional, un módulo de viabilidade para empresas, outro sobre xestión financeira ou un sobre xestión laboral, entre outros. Segundo explica Regueira, estas actividades completaranse co apoio do Servizo de Normalización Lingüística para abrir as empresas locais á internacionalización a través de mercados lusófonos como o brasileiro ou angolano, ou aos profesionais do turismo coa celebración de eventos periódicos nas instalacións do Fórum e un módulo de achegamento de calidade turística aos locais de hostalería. O programa complétase no segundo cuadrimestre de 2013 con novas accións, moitas tamén dirixidas a contribuír á reciclaxe do mercado laboral carballés en desemprego para que se lles abran novas portas, especialmente para os profesionais do sector da construción. Para que a cidadanía coñeza os novos servizos e as modificacións deseñadas para mellorar os xa existentes, o Concello realizará unha campaña coa elaboración e reparto de folletos informativos ou a difusión dun vídeo promocional onde se subliña non só a calidade e funcionalidade das instalacións, senón tamén a oportunidade que supón como un espazo de innovación.

Servizos pendentes

O Alcalde tamén quixo lembrar que os servizos que ofrece o Fórum non estarán completos ata que as consellerías de Medio Rural e Mar, Emprego e Benestar e Sanidade da Xunta de Galicia dean unha resposta definitiva á oferta que lles ten realizado o Concello de que as súas oficinas en Carballo se trasladen ás instalacións do Fórum. Así, a administración local ten elaborado dende febreiro de 2012 un convenio borrador para detallar esta cooperación, que permitiría que a Xunta aforrara o prezo do aluguer dos distintos locais que ocupa en diferentes puntos da capital municipal. Regueira lembrou que esta oferta non seguirá enriba da mesa eternamente, e que de non aceptarse, estudarase a ocupación deste espazo por outros servizos, xa que é responsabilidade do Concello aproveitalo o máximo posible. Así, varias empresas xa teñen amosado o seu interese en ocupalo. Por último, hai que lembrar que o Concello está á espera de recibir por parte dos Fondos Feder da Unión Europea o importe da segunda certificación das obras do Fórum, que supera os dous millóns de euros. O Alcalde confía en que o ingreso se produza nos próximos días, despois de ter contactado coa entidade bancaria responsable dos abonos.

Compartir: