Inicio Carballo ao día Hemeroteca O servizo de reciclaxe do Concello e Reave ten...

OS COLECTORES ESTÁN DISPOÑIBLES EN SEIS EDIFICIOS PÚBLICOS DA VILA

O servizo de reciclaxe do Concello e Reave ten recollido en seis meses máis de 1.100 litros de aceite de cociña usado

Sábado 29 de decembro do 2012

Hai que lembrar aos veciños e veciñas que non deben depositar o aceite nin en latas, nin en vidro, nin en ningún outro tipo de recipiente que non sexa plástico. Así mesmo, Reave informa aos usuarios de que os colectores están pensados para botellas de entre medio litro e dous litros, polo que solicitan que se evite o uso das garrafas de cinco litros. No mes de agosto, Reave realizou unha campaña para repartir arredor de 2.000 embudes ou funís de plástico co obxecto de facilitarlle á cidadanía a recollida e reciclaxe do aceite. Os embudes son perfectamente adaptables cunha rosca ás botellas de plástico de auga e de refrescos de dous litros nas que se pode verter o aceite usado ou o aceite das conservas. O único que hai que facer é retirar o tapón da botella de plástico e enroscar o funil, que ademais conta cunha tapa para evitar olores e fugas. Unha vez chea a botella péchase co seu propio tapón. Os interesados e interesadas en conseguir un funil poden pedir máis información na Casa do Concello. Por outra banda, ademais de facilitar a recollida nos colectores dos edificios municipais, Reave tamén lles ofrece ás comunidades de veciños da vila a posibilidade de chegar a un acordo e instalar un colector nos seus edificios. O único que deben ter é un espazo para colocar o recipiente, dun metro e medio de alto e medio metro de ancho e de fondo.

Nestes momentos, a empresa xa se encarga nalgunhas comunidades da recollida de forma regular e de xeito totalmente gratuíto. Para obter este servizo, os interesados e interesadas poden contactar con Oscar M. Villa e Antonio Pedreira, responsables de Reave, nos teléfonos 676 829 578 e 676 254 999. Por último, hai que mencionar que a reciclaxe do aceite usado é moi beneficiosa para o medio ambiente, non só porque evita a súa presenza nas canalizacións de auga, senón porque pode dárselle unha nova vida e reconvertelo, principalmente en produtos cosméticos ou incluso para xerar combustible biodiésel.

Compartir: