Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Plan Xeral de Ordenación Municipal...

APLICARASE UNHA SUSPENSIÓN DE LICENZAS OBRIGATORIA

O Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) será sometido á aprobación inicial do pleno o xoves 10 de xaneiro

Venres 4 de xaneiro do 2013

Respecto da suspensión de licenzas, hai que subliñar que é unha medida que, ademais de obrigatoria, debe sinalar de forma expresa exactamente en qué ámbitos debe aplicarse, fuxindo da ambigüidade. Así mesmo, nunca poderá ter unha duración superior a dous anos dende a súa entrada en vigor e deixará de aplicarse tan pronto o novo PXOM sexa aprobado de forma definitiva. Dende a Oficina Técnica tamén queren salientar que só se aplica a licenzas de obra maior, é dicir, edificación, parcelación e demolición, polo que poderán seguir concedéndose licenzas de obra menor (como por exemplo instalación de ascensores, arranxo de cubertas, etc.). Por último, en determinados casos puntuais en que se considere que, a pesar da suspensión, pode ser pertinente conceder a licenza, será posible facelo se así o estima a Oficina Técnica, aínda que a resolución deberá contar co apoio expreso do pleno da corporación. No que se refire aos ámbitos nos que se aplicará a suspensión de licenzas, a proposta da Oficina Técnica é a seguinte, diferenciando entre o solo do casco urbano e de media densidade (o situado na contorna máis próxima á capital municipal) e o do resto do municipio.

Ámbitos da suspensión de licenzas

Comezando polo chan non circunscrito ao casco urbano, a suspensión aplicarase aos terreos clasificados nas normas subsidiarias como solo urbano (edificable) que no PXOM deixarán de selo para ser solo rústico (no que non se poden edificar vivendas). A medida afecta fundamentalmente a núcleos como Razo, Nétoma, Cances Grande e Entrecruces e a todos aqueles núcleos rurais na mesma situación, aínda que se trata de puntos moi concretos do municipio. Tamén se aplicará naqueles terreos que nas normas vixentes están clasificados como solo rústico e que no PXOM pasarán a ser núcleo rural, e polo tanto edificables. Así, no novo PXOM recollerase a creación de máis de 100 núcleos novos. No que respecta ao solo do casco urbano e de media densidade, a suspensión aplicarase nos terreos que nas normas subsidiarias están clasificados como solo urbanizable e que no PXOM serán solo rústico; así mesmo, non se concederán licenzas nos terreos que estarán cualificados como zonas verdes, novos sistemas viarios e equipamentos no futuro PXOM. A suspensión tamén se aplicará nos polígonos de solo urbano non consolidado (un total de 15) e no ámbito dos sectores de chan urbanizable que establece o novo PXOM.

Non será posible conceder licenzas nos sectores onde se pasa de edificación en altura nas normas subsidiarias (áreas A, B e C das normas) a vivenda unifamiliar. Trátase de casos moi concretos en zonas como A Revolta, Bértoa, A Lagoa e a zona da estrada CP-1914 a Santiago máis próxima ao casco urbano. Tampouco se poderán realizar cambios nos ámbitos de determinadas vivendas catalogadas que están situadas na Praza de Galicia e as coñecidas como San Xoán, na rúa Vila de Arousa. Por último, a suspensión aplicarase ao solo urbano consolidado do PXOM que estará sometido ao desenvolvemento dun plan especial, como é o caso das vivendas do grupo Ferreiro e as coñecidas como casas dos mestres. En todo caso, dende a Oficina Técnica informan de que están á disposición de todos os veciños e veciñas para ofrecerlles toda a información que precisen e examinar cada caso polo miúdo unha vez que comece a aplicarse a suspensión.

Compartir: