Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo prepárase para recibir aos Reis...

OS DÍAS 5 E 6 TAMÉN HAI ITINERARIOS NAS PARROQUIAS

Carballo prepárase para recibir aos Reis Magos na tradicional cabalgata que percorre as principais rúas da capital municipal

Venres 4 de xaneiro do 2013

Atendendo ao percorrido que os Reis Magos realizan polo casco urbano carballés, as súas Maxestades chegan en coches ao Centro Comercial Bergantiños-Gadis escoltados pola Policía Local e Protección Civil e saúdan aos nenos e nenas que estean alí antes de subir ás carrozas. No que respecta ás rúas do centro da vila, dende o CCB-Gadis a comitiva pasa pola estrada de Malpica, rúa Luís Calvo, rúa Barcelona, rúa Fomento, rúa Río Anllóns, Praza da Milagrosa, rúa Compostela, A Brea, rúa Verdillo, rúa do Sol, rúa Gran Vía, rúa Vázquez de Parga, Praza de Galicia, rúa Coruña (onde paran para que os as súas maxestades os Reis Magos se acheguen á Igrexa Parroquial San Xóan Bautista) e, finalmente, diríxense á Praza do Concello onde reciben a todos os nenos e nenas. O acto de recepción ten lugar na carpa que está instalada diante da Casa do Concello e á chegada dos Reis, o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, en nome de todos os cidadáns da vila, recibe e saúda ás súas Maxestades. A continuación os nenos e nenas entréganlle aos Reis as cartas en man e fanlle as peticións que desexen.

Tamén hai que mencionar que para todos aqueles cativos e cativas que esperen aos Reis Magos na Praza do Concello, a partir das 18.30 horas haberá animación, obradoiros de globoflexia e maquillaxe e xogos ata a chegada da cabalgata. A organización quere agradecer a colaboración da agrupación de Protección Civil de Carballo, da Policía Local de Carballo e da Brigada Municipal de Obras, que contribúen á organización da cita. Por último, hai que mencionar que, ademais de que as parroquias celebran as súas propias cabalgatas, hai varios actos previstos para o Día de Reis, como son, por exemplo, un Agasallo de Reis na Igrexa da Brea organizado pola Asociación Cultural Mestra Carmen Cancela (9.30 horas) e outro na Igrexa de Artes organizada pola Unión de Pensionistas da parroquia (11.30 horas). Para consultar o programa de Nadal ao completo, os interesados e interesadas poden premer aquí.

Compartir: