Inicio Carballo ao día Hemeroteca A corporación celebra un pleno...

A ORDE DO DÍA RECOLLE UN RECOÑECEMENTO DE CRÉDITO DE 37.000 EUROS

A corporación celebra un pleno extraordinario que inclúe a aprobación inicial do PXOM e o anticipo da paga extra de xuño

Mércores 9 de xaneiro do 2013

Así, de saír adiante a emenda proposta polos grupos da oposición, sería necesario incluír no documento os novos planos e eliminar os anteriormente recollidos para eses ámbitos, ademais de reflectirse as novas incorporacións no estudo económico financeiro, xa que ao tratarse de sistemas xerais que deben ser acadados por expropiación supoñen modificacións substanciais para o financiamento do plan. Por tanto, o goberno xa ten falado co equipo redactor para que elabore os novos planos coa máxima celeridade, ademais de informar ao departamento de asuntos económicos municipal para que, se a emenda sae adiante, poidan incorporarse as modificacións a tempo e que nada obstaculice a aprobación inicial do documento no pleno. O Alcalde e a Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano confían en que tanto o equipo redactor como os servizos económicos o teñan todo listo antes da sesión, que ten lugar ás 20.30 horas. Hai que lembrar que a a lei estipula que a aprobación inicial do PXOM leve aparellada a suspensión automática da concesión de licenzas, un acordo que sae adiante coa aprobación inicial. A Oficina Técnica Municipal ten decidido aplicar esta suspensión nos puntos do termo municipal nos que as normas subsidiarias dos anos 80 que están en vigor nestes momentos entren en contradición co recollido no futuro planeamento. Os interesados en obter máis información sobre a suspensión, poden premer aquí.

Paga extra e recoñecemento extraxudicial

Aproveitando a celebración do pleno extraordinario, o goberno local inclúe outros dous asuntos na orde do día. O primeiro deles refírese á aprobación dun recoñecemento extraxudicial de crédito -de realización obrigatoria en virtude da Lei de loita contra a morosidade- polo que se pagarán as facturas presentadas no Rexistro do Concello antes do 31 de decembro de 2012 e que por falta de tempo na súa tramitación ou polo esgotamento das partidas correspondentes non se puideron abonar antes do remate de 2012. O importe é de 37.287,36 euros, cunha redución dun 88 por cento respecto deste mesmo recoñecemento no exercicio de 2012, cando ascendeu a 311.637,36 euros. O obxectivo do goberno é que, despois de ser aprobado no pleno, o recoñecemento sexa ratificado na Xunta de Goberno Local do luns 14 de xaneiro e os pagos poidan realizarse, por tanto, a partir da próxima semana. Por último, a sesión recolle a aprobación do anticipo da paga extra de xuño de 2013. Mediante un acordo da Mesa de Negociación, o Concello ofrécelles aos traballadores municipais a posibilidade de solicitar o adianto desta paga antes do 20 de febreiro de 2013. O mesmo ocorrerá en xuño, cando se poderá anticipar a de Nadal de 2013, e así sucesivamente ata que se poida chegar a algunha medida legal que permita resarcir a mingua que sufriron os traballadores nas súas retribucións no ano 2012, ao non percibiren a paga de Nadal.

Compartir: