Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno da corporación dá luz verde...

COA PUBLICACIÓN NO BOP COMEZARÁ A EXPOSICIÓN PÚBLICA

O pleno da corporación dá luz verde á aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM)

Venres 11 de xaneiro do 2013

Outras das propostas de TEGA está previsto que se presenten durante o período de alegacións co compromiso do goberno de estudalas. Tampouco saíu adiante unha emenda presentada polo PP para a inclusión no planeamento dunha vía para conectar o Parque Empresarial de Bértoa coas estradas de Razo e Malpica; e doutra para conectar a estrada de Santiago coa de Fisterra. Estas actuacións contan cun investimento previsto aproximado de 12 millóns de euros, un financiamento que en parte debe afrontar a administración local e que foi considerado inasumible para as arcas municipais. Logo da aclaración das diferentes emendas presentadas durante a sesión, finalmente o PXOM saíu adiante cunha capacidade residencial estimada de preto de 26.000 vivendas. A aprobación inicial do PXOM leva aparellada, así mesmo, unha suspensión de licenzas que se aplicará fundamentalmente nos puntos do termo municipal nos que as normas subsidiarias dos anos 80 que están en vigor nestes momentos entren en contradición co recollido no planeamento.

A documentación estará no Fórum a partir do 21 de xaneiro

Respecto da exposición pública, e para manter informados de todo o proceso aos veciños e veciñas, está previsto que a partir do luns 21 de xaneiro toda a documentación estea dispoñible para consulta no Fórum Carballo, en horario de luns a venres de 10.00 a 14.00 horas, e martes e xoves de 17.00 a 20.00 horas. A cidadanía poderá falar con técnicos e expertos para aclarar as súas dúbidas. Así mesmo, está prevista unha xuntanza o venres 18 de xaneiro á que están convidados todo tipo de profesionais relacionados co urbanismo, para que examinen as claves do documento e reciban información sobre o proceso. Por último, o goberno está ultimando unha serie de xuntanzas nas parroquias do municipio para informar aos veciños e veciñas da situación recollida no PXOM para cada unha delas e das posibles modificacións respecto da situación actual que haxa en cada caso.

Ademais da aprobación do PXOM, cuxo debate acaparou a maioría da sesión, o pleno supuxo luz verde por unanimidade para a aprobación dun recoñecemento extraxudicial de crédito por un importe de 37.287,36 euros; e do anticipo da paga extra de xuño de 2013 para os traballadores e traballadoras municipais. No primeiro caso recoñécense para os seu pago as facturas presentadas no Rexistro do Concello antes do 31 de decembro de 2012 e que por falta de tempo na súa tramitación ou polo esgotamento das partidas correspondentes non se puideron abonar antes do remate de 2012. No segundo, e mediante un acordo da Mesa de Negociación, o Concello ofrécelles aos traballadores municipais a posibilidade de solicitar o adianto da paga extra de verán antes do 20 de febreiro de 2013. O mesmo ocorrerá en xuño, cando se poderá anticipar a de Nadal de 2013, e así sucesivamente ata que se poida chegar a algunha medida legal que permita resarcir a mingua que sufriron os traballadores nas súas retribucións no ano 2012, ao non percibiren a paga de Nadal.

Compartir: