Inicio Carballo ao día Hemeroteca Medio centenar de técnicos e profesionais...

O PERÍODO DE EXPOSICIÓN PÚBLICA COMEZA A PRÓXIMA SEMANA

Medio centenar de técnicos e profesionais relacionados co urbanismo asisten no Fórum a unha xuntanza sobre o PXOM

Venres 18 de xaneiro do 2013

Durante a reunión, o Alcalde avanzou que a exposición pública comezará case con toda probabilidade de forma oficial o martes 22 de xaneiro, despois da publicación do anuncio no DOG (Diario Oficial de Galicia). Fernández Carballada realizou un percorrido polas diferentes etapas de elaboración do documento que a partir do martes estará sometido á avaliación e achegas dos veciños e veciñas. Así o novo planeamento comezou a súa andaina en 2005, con traballos destinados a adaptar o PXOM de 2003, vixente naquel momento, á LOUGA, a nova Lei de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia. En 2009 chégase a rematar un documento previo á aprobación inicial, que tamén tiña contado coa participación activa de todos os grupos da corporación. Esa proposta reducía a edificabilidade prevista de 36.500 a 33.500 vivendas pola adaptación á nova lexislación. Porén, a Dirección Xeral de Urbanismo da Xunta considerou que a capacidade residencial era excesiva e ademais determinou que debía elaborarse un plan novo para desclasificar chan urbanizable. Por tanto, comezouse un novo proceso atendendo ás recomendacións da Xunta. En 2010 rematou a elaboración dun texto novo no que se recollía a posibilidade de contar con 30.000 vivendas, pero dende o organismo autonómico considerouse que a proxección de poboación e de capacidade residencial que estimaban os técnicos seguía a ser demasiado elevada.

Mentres os técnicos estaban inmersos no proceso para adaptar o PXOM a un número de vivendas que puidese ser considerado óptimo pola Dirección Xeral de Urbanismo, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) emitiu en novembro de 2011 unha senteza que anulaba o PXOM de 2003, polo que pasaron a rexer no municipio as normas subsidiarias dos anos 80. Ante esta situación, finalmente, e despois dun novo ano de traballos, chegouse ao que Fernández Carballada denominou un "documento de mínimos", que é esta proposta de 2013 que agora conta coa aprobación inicial do pleno da corporación e que recolle un total de 25.939 vivendas de capacidade residencial, cunha proxección de poboación para os próximos aos duns 44.000 habitantes. En todo caso, o técnico redactor quixo aclarar que esta proposta "non é para sempre" e que segundo vaia habendo variacións tamén sera posible ir adaptado a norma aos desafíos que vaian xurdindo no futuro. En todo caso, a partir do luns 21 de xaneiro, en horario de 10.00 a 14.00 de luns a venres, e os martes e xoves de 17.00 a 20.00 horas, todos os veciños e veciñas que o desexen poden acudir ao Fórum Carballo e serán atendidos por técnicos municipais, e un día á semana polo equipo redactor, para recibir toda a información que consideren oportuna, ademais de terse programado unha serie de xuntanzas nas parroquias. Para saber máis información sobre o calendario, premer aquí.

Tamén pode consultarse a documentación completa do PXOM 2013 nesta mesma nova no apartado de ligazóns.

Compartir: