Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Comisión de Coordinación Social...

QUEN COLABORASEN ESTARÍAN EXENTOS DOS IMPOSTOS MUNICIPAIS

A Comisión de Coordinación Social impulsa a creación dunha bolsa de vivenda con alugueres reducidos para xente que o necesite

Martes 22 de xaneiro do 2013

A solución que se considera máis axeitada é poñer en marcha unha bolsa de vivenda municipal que podería dispor de vivendas cedidas voluntariamente por particulares para poñelas en aluguer; de vivendas baleiras do municipio que están en poder de certas entidades bancarias; e tamén tentando tramitar coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas a desafectación das vivendas dos mestres para poñelas a disposición deste servizo, aínda que esta medida sería a máis longo prazo. No caso dos particulares que quixesen colaborar con esta bolsa cedendo as súas vivendas baleiras, o Concello asinaría un convenio cos propietarios no que se comprometería a garantir que a vivenda sería devolta en perfecto estado, asumindo a administración local os arranxos dos posibles danos derivados do aluguer, incluíndo, por exemplo, labores de repintado. Así mesmo, os propietarios estarían exentos de pagar todos os impostos e taxas municipais relacionados co mantemento da vivenda, como o IBI (Imposto sobre Bens Inmobles) ou a taxa do lixo. As persoas que optasen a ocupar algunha das vivendas da bolsa pagarían un aluguer social reducido, ademais de asumir os gastos derivados pola ocupación, como poden ser auga, electricidade ou gas. Respecto das entidades bancarias, nos próximos días integrantes da Comisión poranse en contacto con algunhas das que operan na localidade para tratar con elas a posibilidade de incorporarse a esta bolsa de vivenda.

Compartir: