Inicio Carballo ao día Hemeroteca Aberto até o 22 de marzo o período...

OS INTERESADOS/AS PODEN DESCARGAR O IMPRESO TIPO NESTA NOVA

Aberto até o 22 de marzo o período oficial para presentar alegacións ao documento para aprobación inicial do PXOM

Mércores 23 de xaneiro do 2013

Durante estes primeiros días de exposición pública nas instalacións do Fórum tense rexistrado unha notable afluencia de veciños e veciñas que realizan as súas consultas ante os técnicos municipais. Ademais, dende o luns 21 de xaneiro principiou unha rolda de reunións nas parroquias para expoñer as principais claves do documento en todo o territorio municipal. Os interesados e interesadas en coñecer o calendario de xuntanzas polo miúdo, poden premer aquí. Hai que subliñar que todas as consultas relacionadas co documento para a aprobación inicial do PXOM deben realizarse no complexo Fórum Carballo nos horarios habilitados para tal fin, e non na Oficina Técnica Municipal na Casa do Concello, que segue aberta pero para tramitar os asuntos non relacionados directamente co planeamento. Por último, hai que lembrar que a aprobación inicial do PXOM, formalizada polo pleno da corporación o xoves 10 de xaneiro de 2013, leva aparellada a suspensión do procedemento de outorgamento de licenzas naqueles ámbitos en que as determinacións do novo planeamento supoñan modificación da ordenación urbanística vixente (as normas subsidiarias dos anos 80). O período máximo de vixencia da suspensión é de dous anos. Os interesados e interesadas poden consultar e/ou descargar todos os tomos coa documentación completa do PXOM nunha ligazón nesta mesma nova.

Compartir: