Inicio Carballo ao día Hemeroteca Reave e Urbaser imparten obradoiros sobre...

OS COLEXIOS PARTICIPAN NO CONCURSO "CARBALLO TAMÉN EN BOTELLA"

Reave e Urbaser imparten obradoiros sobre reciclaxe de residuos entre o alumnado de Primaria dos centros de ensino

Xoves 24 de xaneiro do 2013

Durante os obradoiros, que rematan o venres 25 de xaneiro nos CEIP Fogar e Gándara-Sofán, os cativos e cativas de Primaria aprenden a usar correctamente os colectores de lixo azuis (de cartón e papel), amarelos (para envases), verdes (para materia orgánica), iglús (para vidro) e laranxas (para aceite usado). O alumnado encárgase despois de lembrar nos seus fogares a necesidade da reciclaxe en xeral e do aceite en particular, fomentando o hábito de gardar o aceite de cociña usado nunha botella de plástico, para unha vez chea metela no colector habilitado no Centro Educativo no que se encontre. Así mesmo, os cativos e cativas tamén reciben un funil ou embude coas instrucións de manexo para que poidan levalo ás súas casas e comezar a recoller o aceite para o concurso. Por último, sublíñase a necesidade de que non se desbote o aceite polas canalizacións, ou as utilidades que pode recibir o aceite reciclado, ao que se lle pode dar unha nova vida e reconvertelo, principalmente en produtos cosméticos ou incluso para xerar combustible biodiésel. Máis aló dos escolares, dende hai seis meses todos os cidadáns que o desexen poden reciclar o seu aceite de cociña usado. O único que teñen que facer é verter o aceite (de xirasol, de oliva, de millo, de soia, ou o das conservas) nun recipiente de plástico. Logo, deben levar o envase perfectamente pechado aos colectores de cor laranxa situados en varios edificios de titularidade municipal: Casa do Concello, Mercado, Pazo da Cultura, Ambulatorio Vello, Piscina Vila de Noia e Piscina Carballo Calero.

Compartir: