Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo non ten ningunha factura pendente de...

COMPARECENCIA NO PLENO DOS AFECTADOS POLAS PREFERENTES

Carballo non ten ningunha factura pendente de pagamento do exercicio 2012 e rexistra un período medio de abono de 15 días

Venres 25 de xaneiro do 2013

Outro dos asuntos da orde do día, tamén incluído no apartado de seguimento de órganos de goberno, é a solicitude de intervención da Plataforma de afectados polas participacións preferentes e obrigacións subordinadas, que a través do mecanismo incluído no Regulamento de Participación Cidadá do Concello de Carballo, queren expoñer a súa situación e solicitar o apoio dos grupos da corporación ás súas demandas. Os afectados manifestaron, ademais, a súa intención de acudir na súa totalidade, nun número de preto de 200 persoas, á sesión plenaria. Entre os puntos da sesión, hai que mencionar tamén a aprobación dunha modificación do Expediente de contratación da xestión do servizo público da recollida de lixo, transporte, Punto Limpo e canceira do Concello de Carballo, unha concesión que corre a cargo de Urbaser e Servigal, e que agora inclúe pequenos cambios no subministro de equipamentos e material. Así, Urbaser deberá cambiar dous dos camións de recollida de lixo de 18 m3 por un de 22 m3 e outro de 16 m3, xa que este último tamaño é máis axeitado para o medio rural. No caso dos colectores de papel e cartón, dos 100 de 1.000 litros de capacidade ofertados nun principio, pasarase a 129 de 770 litros, máis manexables. E por último, cambiaranse os composteiros, xa que a xuízo do técnico municipal os ofertados non eran os mellores, e ademais pasarase de 200 a 165. Estes cambios supoñen un custo engadido para Urbaser de 5.869 euros.

Ampliación do abono familiar das instalacións deportivas

A sesión aborda, así mesmo, a aprobación dunha modificación da Ordenanza nº 22 de prezos públicos pola utilización das instalacións deportivas para ampliar o abono familiar, unha proposta do PP que quedara sobre da mesa no pleno de novembro do ano pasado para sometela a estudo. Finalmente, o novo abono familiar, ademais de incluír aos proxenitores e a todos os fillos e fillas menores de 18 anos por un importe de 21,74 euros, permitirá a inclusión doutros tramos de idade achegando pequenos importes. Así, no caso dos menores de 22 anos, a familia pagará a cota de 21,74 € máis 6,5 € polo primeiro fillo ou filla menor de 22, e 3,25 polos seguintes incluídos neste tramo de idade; no caso dos fillos de 22 a 25 anos, o primeiro pagaría 9 € e se houbese máis comprendidos neste tramo de idade pagarían 4,5 €. Estes prezos aplícanse de forma universal, sen ter en conta rendas ou ingresos, co único requisito de que os fillos ou fillas estean empadroados no domicilio familiar. Esta medida recibiu o apoio unánime de todos os grupos da corporación na xuntanza do Consello Reitor do Padroado Deportivo Municipal celebrada nos últimos días.

Para rematar, o pleno ordinario de xaneiro recolle na orde do día outros dous asuntos de trámite. O primeiro refírese á designación de novos membros na Comisión de deslinde entre o Concello de Carballo e o de Coristanco. Así, un dos veciños manifestou a súa imposibilidade de asistir ás visitas de monte, polo que será substituído, ademais de nomearse suplentes. O segundo, recoñece o dereito do persoal do Padroado Deportivo Municipal a solicitar o anticipo da paga extra de xuño de 2013, ao igual que o resto dos traballadores e traballadoras municipais.

Compartir: