Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Antroido enche Carballo de máscaras, de...

REPARTIRANSE PRETO DE 7.000 EUROS ENTRE PREMIOS E SUBVENCIÓNS

O Antroido enche Carballo de máscaras, de festa e de transgresións entre o 8 e o 16 de febreiro

Luns 28 de xaneiro do 2013

Entre estas dúas citas, o Concello de Carballo reparte máis de 7.000 euros entre premios e subvencións, sendo 6.545 euros (dos que 3.900 destínanse a subvencións e 2.645 a premios) para o Concurso de disfraces e 400 euros para subvencionar a dez grupos no Enterro da Sardiña. Respecto das inscricións para participar no Concurso e desfile de disfraces, comparsas e carrozas e no Enterro da Sardiña, no primeiro caso os interesados e interesadas poden facelo até o día 8 de febreiro para as modalidades de comparsas e carrozas, e até o día 10 de febreiro ás 17.00 horas nas modalidades de grupos e individual tanto en categoría adulto como infantil. Este ano, e como novidade, as solicitudes de participación no Concurso deberán estar asinadas e terán que estar entregadas no Rexistro de Entrada do Concello. No caso do Enterro da Sardiña, poden participar todos aqueles grupos de nenos e nenas e/ou adultos compostos por un mínimo de 5 persoas ataviadas coas roupas e obxectos propios dunha "comitiva fúnebre" para acompañar ao enterro da sardiña. Para inscribirse poden facelo do 29 de xaneiro ao 8 de febreiro na Concellaría de Cultura de 10.00 a 14.00 horas e o día 12 de febreiro (o mesmo día do Enterro da Sardiña) antes do inicio da actividade de 19.30 a 20.30 horas na Casa do Concello.

Cada ano, ademais, o Concurso de disfraces conta coa animación dun presentador especial, que desta volta é o grupo "Os 7 magníficos máis 1", un dúo especializado en clown formado por Fran Rei e Pedro Brandariz que conta con ampla experiencia e sobradamente coñecido polas súas aparicións en "Lúar". O programa complétase con charangas como "Mariñeiros en terrra", animación de rúa, obradoiros infantís os días 8 e 11 de febreiro na Lucoteca Municipal e os diferentes bailes de disfraces que organizan as distintas asociacións do municipio. Por último, non hai que esquecer a colaboración no Antroido da Concellaría de Terceira Idade que dirixe Carmen Regueira Baldomir. Así, o seu departamento patrocina o Baile de Disfraces que ten lugar o domingo 10 de febreiro tralo desfile de Antroido, un baile no que se dan a coñecer os gañadores do Concurso, no que se fai entrega dos premios e no que estará a orquestra "Trébol". Ademais, o martes 21 celébrase a Festa e Baile de Disfraces para maiores coa actuación en vivo do Grupo Libertad e co agasallo para os asistentes de pinchos de Antroido: no Pazo da Cultura de 18.00 a 21.00 horas.

Os interesados e interesadas en obter máis información sobre as bases do Concurso e desfile de disfraces, comparsas e carrozas e do Enterro da Sardiña, poden clicar aquí. Tamén é posible descargar o programa de Antroido ao completo, así como as bases dos concursos e as follas de inscrición en varios documentos en pdf nesta mesma nova.

Compartir: