Inicio Carballo ao día Hemeroteca Arrinca o prazo para anotarse nos módulos...

INSCRICIÓNS: ENTRE O 30 DE XANEIRO E O 6 DE FEBREIRO

Arrinca o prazo para anotarse nos módulos do Plan de Formación Integral para emprendedores do Fórum Carballo

Martes 29 de xaneiro do 2013

Cada módulo conta cun total de 15 prazas que se seleccionarán a través da orde de inscrición e dunha entrevista persoal que terá lugar no Fórum Carballo o 8 de febreiro e na que se valorará e estudará o proxecto de negocio proposto polo emprendedor. Nalgúns módulos poderán completarse as 15 prazas coa presenza de 10 oíntes a maiores, que non teñen por que estar en situación de desemprego e que poden formar parte do mundo do empresariado local. As inscricións poden formalizarse na Casa do Concello -na secretaría da Alcaldía- facilitando o nome completo, dirección, teléfono, DNI e unha dirección de enderezo electrónico. Pode solicitarse máis información no 981 704 700. O obxectivo desta iniciativa, de carácter gratuíto, é o de formar aos interesados e interesadas para que poidan poñer en marcha a súa propia idea de negocio no municipio, dotándoos da formación necesaria para que poidan facer o seu proxecto realidade e que teña posibilidades de perdurar. A Concellaría de Promoción Económica espera volver a ofertar estes módulos formativos no futuro, dependendo da demanda, para que poidan acceder a eles o maior número de persoas. Así mesmo, está previsto seguir completando a oferta do Fórum con máis actividades durante o primeiro semestre do ano, incluíndo módulos relacionados con sectores específicos coma o turismo.

Compartir: