Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno modifica o abono familiar dos prezos...

PROPOSTA DE ADXUDICACIÓN PARA ARRENDAR O BAR DO MERCADO

O pleno modifica o abono familiar dos prezos públicos polo uso das instalacións deportivas para incluír aos menores de 25 anos

Martes 29 de xaneiro do 2013

Respecto da modificación do Expediente de contratación da xestión do servizo público da recollida de lixo, transporte, Punto Limpo e canceira do Concello de Carballo, o PP abstívose en base á existencia dun informe do Secretario Municipal, pero os cambios saíron adiante co apoio do resto da corporación. A concesión adxudicouse a finais de 2012 ás empresas Urbaser e Servigal, que deberán realizar pequenos cambios no subministro de equipamentos e material por un importe de 5.869 euros. O pleno tamén supuxo a designación de novos membros na Comisión de deslinde entre o Concello de Carballo e o de Coristanco debido a que un dos veciños manifestou a súa imposibilidade de asistir ás visitas de monte, polo que será substituído e nomearanse suplentes. No apartado de seguimento de órganos de goberno, deuse conta do Informe de Intervención e Tesourería de cumprimento da Lei 3/2004 de loita contra a morosidade correspondente co último trimestre de 2012, que reflicte que o Concello abonou un total de 1.440 facturas entre o 1 de outubro e o 31 de decembro, das que 1.378 -por un importe de 2.273.077,36 euros-, foron pagadas nunha media de 14,94 días; e as restantes 62 facturas -por un importe de 115.682,78 euros- foron satisfeitas nun prazo medio de 56,40 días. O prazo medio de pagamento, contabilizando a totalidade de facturas presentadas entre outubro e decembro, é de 15 días xustos.

Preferentes e arrendamento da cafetería do Mercado


Por último, ao remate da sesión, tivo lugar a intervención da Plataforma de afectados polas participacións preferentes e obrigacións subordinadas, que a través do mecanismo incluído no Regulamento de Participación Cidadá do Concello de Carballo, expuxeron a súa situación e solicitaron a través do seu voceiro, Xan Fernández Carrera, e dunha afectada, Luísa Rodríguez Fraga, o apoio da corporación. Arredor de 150 dos afectados estaban no pleno e recibiron ese apoio por unanimidade dos concelleiros presentes, e está previsto que na próxima sesión que se celebre todos os grupos subscriban un acordo máis explícito para concretar este apoio. Fóra da sesión plenaria, celebrada o luns 28, o martes 29 de xaneiro pola mañá reunise a mesa de contratación encargada de deliberar sobre a adxudicación do arrendamento do local destinado a bar-cafetería no Mercado Municipal de Carballo, situado na planta baixa do edificio. Aprobouse propoñer para adxudicación a única oferta presentada, que cumpriu con todos os requisitos esixidos. O local ten unha superficie útil de 95 metros cadrados e a renda que como tipo de licitación se fixou, e que finalmente será adoptada, é de mil euros (1.000 €) mensuais (IVE engadido), sendo o prezo total do contrato, tendo en conta a súa duración inicial, de dez anos, de 120.000 euros. O contrato poderá prorrogarse, por acordo mutuo de ambas partes, nas condicións iniciais en períodos de dous anos, cun máximo de dúas prórrogas.

Compartir: