Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Barómetro municipal reflicte os efectos...

CARBALLO REMATOU 2012 CON 130 HABITANTES MÁIS QUE EN 2011

O Barómetro municipal reflicte os efectos da crise sobre os movementos poboacionais e o volume dos trámites administrativos

Xoves 31 de xaneiro do 2013

Analizando os datos máis polo miúdo, respecto da poboación o Barómetro indica que as mulleres son maioría, con 16.051 fronte a 15.415 homes. Por primeira vez dende 2009 o saldo vexetativo é negativo, con 224 nacementos por 235 defuncións. Respecto da nacionalidade dos habitantes estranxeiros que residen no municipio, o colectivo máis numeroso segue a ser o dos uruguaios, con 102 empadroados, sendo o segundo o dos romaneses, con 82. Hai que destacar tamén ao colectivo brasileiro, con 69 persoas, ou o de Portugal, con 56. Como curiosidade, hai que mencionar que en Carballo reside xente procedente de países como Moldavia (2), Suecia (1), Bielorrusia (2), Japón (1) ou Irán (1). No caso dos datos administrativos ao detalle, ademais das facturas, o trámite máis solicitado no Rexistro de Entrada está relacionado coas licenzas, con 1.440, aínda que son 78 menos que en 2011. Relacionando os datos coa crise, hai que subliñar o aumento das peticións relacionadas coa RISGA (Renda de Integración Social de Galicia), constante dende o ano 2008, pasándose de 180 demandas naquel entón ás 353 de 2012, cun incremento de preto dun 50 por cento. No caso do Rexistro de Saída, o que máis se tramita son multas, con 1.414, aínda que son 393 menos que en 2011. Hai que subliñar, así mesmo, o elevado número de trámites do departamento de Servizos Sociais, con 79 máis que en 2011 e un total de 686.

No caso dos expedientes abertos durante o exercicio de 2012, outro dos datos recollidos no Barómetro, hai que mencionar o constante descenso no número de contratos de obras, outra mostra máis das consecuencias da crise, con tan só 11 rexistrados en 2012, 7 menos que en 2011, pero 39 menos que en 2009, o ano no que rexistraron máis dende que se veñen contabilizando (2004), cun total de 50. En total, o descenso no número de contratos respecto de 2011 é de 24, incluíndo no só os de obra, senón tamén os especiais, privados, de obra pública, de asistencia técnica, servizos ou subministro, que fan un total de 52. Por último, o Barómetro contabiliza a través dos datos do Padrón, o número total de vivendas existentes no municipio, que ascende a 19.356, das que 11.639 estaría habitadas e 7.717 baleiras; destas últimas, 3.826 estarían na capital municipal. O Barómetro municipal, ademais de ofrecer cifras interesantes sobre a evolución de Carballo nos últimos anos, tamén é empregado polo goberno como unha ferramenta para coñecer a carga de traballo dos servizos municipais e dos diferentes departamentos, o que pode ser de utilidade para optimizar o seu funcionamento.

Compartir: