Inicio Carballo ao día Hemeroteca As instalacións deportivas municipais...

CARBALLO DEPORTE CONTA CON MÁIS DE 4.300 ABONADOS

As instalacións deportivas municipais rexistraron máis de 360.000 usos por parte de veciños e veciñas durante o ano 2012

Venres 1 de febreiro do 2013

Respecto do financiamento do Padroado Deportivo Municipal, presentáronse as contas previstas para 2013, cun orzamento de 1.123.744,91 euros, que é moi similar ao do exercicio anterior, diminuíndo en apenas 2.000 euros. A previsión do remanente de tesourería para gastos xerais para 2013, a falta da aprobación da liquidación oficial do orzamento de 2012, é duns 130.000 euros. Respecto da evolución das finanzas do Padroado, hai que subliñar o constante incremento no nivel de autofinanciamento da institución, que pasou de facelo nun 6,5 por cento en 2003 -con 30.950 euros- a chegar a un 60 por cento en 2012 grazas ás achegas dos prezos públicos dos abonos e das taxas por un importe de 662.569 euros. Segundo un estudo realizado pola Universidade do País Vasco, Carballo é un dos concellos de España con máis nivel de autofinanciamento, só por detrás de Eibar. Outros datos interesantes sobre as finanzas do Padroado recollen o custo derivado polo uso das instalacións deportivas por parte dos diferentes clubs e asociacións do Concello, que ocupan os pavillóns, piscinas de campos e fútbol durante un total de 8.934,5 horas ao ano, cun gasto de 219.210,59 euros, gasto que o Concello asume na súa totalidade. Hai que ter en conta que o custo medio por hora por manter abertas as instalacións deportivas é de 88,64 euros para a Piscina Carballo Calero, por exemplo, ou de 52,96 euros para o Campo de Fútbol de As Eiroas.

Ademais de datos económicos e estatísticos, a Memoria Anual tamén reflicte as melloras realizadas ao longo de 2012, tanto en instalacións como en material. A máis importante destas actuacións foi a renovación da pista de xogo do Pavillón Vila de Noia, co pulido, vernizado e repintado do practicable; ou a remodelación da entrada para facela accesible. No Campo de As Eiroas renovouse o perímetro do campo, creouse un acceso para o campo anexo e arranxáronse os vestiarios. Tamén se puxo en marcha unha nova Sala Fitness no Complexo Vila de Noia, así como un sistema de control de acceso para os seus usuarios/as. E, por último, realizáronse melloras menores nas dúas piscinas e no Circuíto de Motor de Bértoa, ademais de adquirirse un novo vehículo para o persoal do Padroado. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo, precisamente, transmitirlle os seus parabéns a este persoal polos bos números presentados, tanto a nivel económico como de uso, e lembrou a aposta que se fixo dende o ano 2003 pola xestión pública do deporte no municipio, unha aposta que ten demostrado ser rendible.

Compartir: