Inicio Carballo ao día Hemeroteca Preto de 600 persoas participaron no Concurso e...

O EXÉRCITO DE "DANZATEKA" ACADOU O SEGUNDO PREMIO

Preto de 600 persoas participaron no Concurso e desfile de disfraces, comparsas e carrozas que gañou "Xara e sedal"

Luns 11 de febreiro do 2013

Na categoría de comparsas adultos, o 1º Premio, de 300 €, foi para "Mandajuevos", un grupo de galiñas revolucionarias que defendían os seus "dereitos". O 2º (150 €) foi para "Airiños de Laraño", amosando unha proposta de Antroido máis clásica. "Galos larperis e romanos papahostix" acadaron un accésit por escenificar unha batalla de Astérix e Obélix. A categoría de comparsas infantil foi a máis premiada e resultaron vencedores "Vivacatas", de Arteixo (250 €); o 2º premio foi para "Castrenses e romanos" (110 €); e o 3º (60 €) para "Os saturniños de Bergantiños". Houbo sendos accésits apra "A Granxa" e "Aldea Vikinga". En grupos de adultos, o 1º premio, de 125 € recaeu en "Os parados de Carballo", que montaron unha coreografía co "Gangtan Style", a canción de moda que chegou a escoitarse ata catro veces no pavillón durante toda a tarde; "Las Vaqueras" conseguiron un accésit. En grupos infantil, o gañador foi "A mal tempo boa cara" (100 €) e o segundo "As Marujas" (70 €). En individual de adultos "Transformer Ferrari" levou, ademais do 1º premio, de 60 €, a ovación do público, polo seu orixinal e convertible disfraz.

Na categoría de Choqueiro o único participante levou o premio de 100 €. Por último, en individual infantil repartíronse tres premios: 1º (90€) "Gárgola"; 2º (70€) "Gangtan Style"; 3º (50€) "Quen quere casar co meu fillo". Hai que mencionar tamén o traballo dos presentadores, o dúo "Os 7 magníficos máis 1", formado por Fran Rei e Pedro Brandariz, que fixo reír ao público presente coas súas ocorrencias sobre os disfraces.

Baile de maiores e Enterro da SardiñaA pesar de que o Concurso e desfile de disfraces, comparsas e carrozas é unha das citas máis importantes do Antroido carballés, o martes 12 ten lugar ás 18.00 horas no Pazo da Cultura a Festa e Baile de disfraces para a Terceira Idade, que estará amenizada polo Grupo Libertad. Ademais, ese mesmo día celébrase o Enterro da Sardiña para despedir a Don Carnal a partir das 21.00 horas. A cita estará animada por un grupo de alumnos/as da Escola Municipal de Teatro de Carballo que dirixe Artur Trillo e pola Charanga "Mariñeiros en terra". A esta cita tamén poden concorrer todos aqueles grupos de nenos/as e/ou adultos compostos por un mínimo de 5 persoas ataviadas coas roupas e obxectos propios dunha "comitiva fúnebre" para acompañar ao enterro. O Concello establece 10 subvencións de 40 € cada unha á que poden concorrer os primeiros en anotarse, ben aqueles que o fixeron a través do Rexistro do Pazo da Cultura en días anteriores ou xusto antes do inicio da actividade de 19.30 a 20.30 horas na Casa do Concello.

Os interesados en coñecer máis sobre o programa de Antroido poden premer aquí. Tamén poden verse imaxes dos participantes no Concurso de disfraces en varias ligazóns nesta nova.

Compartir: