Inicio Carballo ao día Hemeroteca A liquidación do orzamento de 2012...

A PREVISIÓN DAS CONTAS PARA 2013 ROLDA OS 21 MILLÓNS

A liquidación do orzamento de 2012 reflicte un remanente de tesourería para gastos xerais de máis de 5 millóns de euros

Venres 15 de febreiro do 2013

A Concelleira de Facenda tamén quixo realizar un avance das previsións do orzamento de 2013, unha vez que os voceiros municipais xa teñen sido informados dos números. Así, os ingresos previstos para o presente exercicio -tendo en conta que pode haber algunha modificación antes da aprobación definitiva das contas- ascenderían a 21.936.446,61 euros (fronte aos 19.993.917,27 de 2012); no caso dos gastos, a previsión é de 21.066.834,22 euros (sendo as cifras de 2012 de 19.978.038,40 euros). O presuposto contaría cun superávit de preto de 900.000 euros e incrementaría nun 20 por cento o Capítulo VI de investimentos reais, que pasaría de 3.506.487 euros en 2012 a 4.297.562,81 euros en 2013. Este incremento explícase polo proxecto Anllóns-Bardoso para mellorar o abastecemento de auga no municipio, que está previsto que se desenvolva ao longo deste ano. A pesar da boa conxuntura económica, o Alcalde quixo manifestar a preocupación da administración local, que ten paralizada a aprobación das contas de 2013 debido á regra do 1,7 por cento establecida polo Goberno central, que marca o teito de gasto tendo en conta os gastos orzamentarios do exercicio precedente.

Así, segunda a norma, en vigor dende o pasado 21 de decembro, o remanente de tesourería non pode incorporarse ao orzamento do ano seguinte, xa que a lei só permite que con eses cartos se liquide a débeda cos bancos. Porén, pagando co remanente o total da débeda (de 3.667.616 euros), o Concello aínda disporía de 1.401.884,95 euros para incorporar ás contas de 2013 e, por exemplo, financiar o proxecto Anllóns-Bardoso, pero a Lei o impide. Así mesmo, Lendoiro explica que hai bastante incerteza á hora de aplicar a regra, xa que "non existe acordo entre os distintos técnicos de distintas administracións" sobre o que se pode facer para cumprir coa Lei debido á súa falta de concreción en certos aspectos. Despois de diversas consultas, o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas propón que o Concello espere para aprobar os orzamentos até o remate do primeiro semestre do ano en previsión de que poida haber novas modificacións lexislativas. O Alcalde subliña que "Carballo ten feito os deberes sobradamente" e que está nunha situación "inxusta", xa que, a pesar da súa boa situación e de dispor de cinco millóns de euros que poderían ser investidos en melloras e proxectos para a vila, a norma non o permite. En todo caso, tanto Lendoiro como Ferrero confían en que as negociacións da Federación Galega de Municipios de Provincias (FEGAMP) e da FEMP (Federación Española de Municipios e Provincias) co Goberno central dean resultados positivos o antes posible e poida aprobarse o orzamento de 2013 nas mellores condicións posibles para o Concello.

Compartir: