Inicio Carballo ao día Hemeroteca A conta ordinaria de recadación...

MOCIÓNS SOBRE A UNIVERSIDADE, AS PREFERENTES E O GRUMIR

A conta ordinaria de recadación supón 8,5 millóns de euros para as arcas municipais cunha media de cobro de 625 recibos diarios

Venres 22 de febreiro do 2013

No exercicio 2012 puxéronse ao cobro preto de 70.000 recibos, dos que por domiciliación bancaria pasáronse uns 20.000 e por pagamento en portelo, nas dependencias do servizo de recadación municipal, os 50.000 restantes. Esta actividade supuxo unha media de cobros diarios de 625 recibos nos catro meses do período de cobranza voluntaria. Os datos de recadación tamén reflicten as altas do catastro, con 2.500 de unidades urbanas, mentres que se rexistraron arredor de 1.000 movementos de alteración xurídica (tales como, por exemplo, cambios de titularidade). Tamén dentro dos asuntos económicos, a sesión recolle a modificación da Ordenanza reguladora dos servizos do Programa Concilia e dos seus prezos públicos, adaptando o texto aos novos criterios recollidos na ordenanza da Xunta. No caso de Carballo, as cotas establecidas son de 51 euros ao mes para o servizo, de atención de 7.30 a 10.00 horas, e de 67 euros no caso de que se inclúa o almorzo. Por días soltos, o prezo é de 3,40 euros, 4,30 con almorzo. Porén, ningún dos usuarios e usuarias abona a totalidade do custo, xa que o Concello carballés asume o 35 por cento do gasto derivado. Ademais, poden aplicarse reducións dependendo da situación familiar, dos ingresos da unidade familiar, da situación laboral, etc. que permiten rebaixas de ata un 50 por cento. A administración local, dependendo do número de usuarios e usuarias, destina arredor de 20.000 euros ao financiamento do servizo.

Conmemoración do Día da Muller Traballadora


Con motivo da conmemoración do 8 de marzo, Día da Muller Traballadora, o goberno local tamén leva ao pleno a aprobación dunha Declaración institucional na que se reivindica a importantísima contribución da muller no desenvolvemento da sociedade, e mantén o compromiso de promover a plena igualdade entre mulleres e homes en todos os ámbitos, tanto públicos como privados. Por último, a sesión inclúe o debate de tres mocións, dúas delas presentadas por todos os grupos políticos da corporación. A primeira das elaboradas por unanimidade refírese aos afectados polas Participacións Preferentes e Obrigas Subordinadas. No texto ínstase á Xunta de Galicia para que se dirixa aos distintos organismos e autoridades políticas e monetarias competentes para que se adopten as modificacións legais oportunas para, no caso das comercializacións indebidas destes produtos híbridos, eliminar as quitas e evitar que se realicen canxes por outro tipo de produto financeiro que non poida ter liquidez a curto prazo ou poida supoñer perda no valor nominal dos títulos dos seus produtos; e tamén que sen manteña, axilice e reforce o sistema de arbitraxe de xeito xenérico e se de contestación afirmativa a todos os solicitantes considerados aforradores pedindo ás entidades que maximicen e axilicen as aceptacións de arbitraxe.

A segunda das mocións que apoiaron todos os grupos na comisión informativa refírese ao mantemento da base do Grupo Municipal de Intervención Rápida (Grumir) en Carballo, en perigo debido ao novo mapa para a redistribución dos grupos de emerxencia que substituirá ao actualmente existente. Así, solicítaselle á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a inclusión do municipio como base de atención na nova distribución dos servizos de emerxencias. Por último, o pleno inclúe unha moción presentada por BNG, PSOE e TEGA na que se solicita ao Goberno Galego e ao Goberno do estado español que se manteña o financiamento e recursos para as universidades públicas sen mingua algunha nos orzamentos xerais de ámbalas dúas administracións, considerando que a educación superior, a investigación o desenvolvemento e a innovación en materia educativa non deben ser considerados gastos senón investimentos imprescindibles cara ao futuro da nosa sociedade.

Compartir: