Inicio Carballo ao día Hemeroteca "Rosalías. Daquelas que cantan"...

VENRES ÁS 21.00 HORAS NO PAZO DA CULTURA

"Rosalías. Daquelas que cantan" homenaxea a Rosalía de Castro e a todas as mulleres con motivo do 8 de marzo

Xoves 7 de marzo do 2013

Segundo Fernández Rial, "tanto o discurso como a posta en escena dos poemas e as cancións van configurando unha "función" ligada, de "Rosalías"". Ademais, afirma, "preparamos varios temas entre todas, combinando a música de todas e os poemas". Neste singular espectáculo participan artistas de recoñecido traballo, traxectoria e creación, como son Uxía, unha das cantantes galegas máis internacional, directora artística de proxectos como o prestixioso festival Cantos na maré e autora de discos como "Meu canto", "Andando a terra", "Eterno navegar", etc., ademais de moitos outros colectivos. Tamén Dolores Platas, cantante carballesa que foi vocalista do desaparecido grupo Xocaloma, e que publicou o fermoso disco "Lúa descolorida", en 1985, no que musicou poemas de Rosalía de Castro. Poñerá tamén a súa música o grupo compostelá Habelas hainas, formado por catro rapazas que combinan música tradicional con ritmos actuais, cun estilo potente, fresco e innovador. A poeta carballesa Rosalía Fernández Rial será o fío condutor do espectáculo, fío que se irá tecendo con intervencións teatrais e poéticas. Así, poñeranse en escena diversos poemas por parte das artistas participantes, combinando sempre música e poesía. Da escenografía encárganse as artistas Chiña e Helena Ayape. Ademais, tamén haberá no espectáculo algunha sorpresa, coa intervención de Samira, unha nena de Carballo que tamén colabora neste acto.

Os interesados e interesadas poden descargr o cartel anunciador da cita nesta mesma nova nun documento en pdf.

Compartir: