Inicio Carballo ao día Hemeroteca Máis de 900 persoas teñen...

A LISTAXE DE ESPERA É DE ARREDOR DE 450 DEMANTANTES

Máis de 900 persoas teñen solicitado a súa inclusión na Bolsa de Traballo Municipal que está en marcha desde novembro

Venres 8 de marzo do 2013

Se relacionamos as variables de sexo e idade, podemos observar que neste primeiro trimestre inscribíronse na bolsa de traballo máis homes que mulleres en calquera tramo, exceptuando aos maiores de 25 e menores de 40, en que o número total de demandantes é o mesmo, 93 persoas por cada sexo. O tramo de idade que recolle unha maior diferenza de rexistros é o correspondente aos maiores de 40 e menores de 55, onde o 62,41 por cento das solicitudes totais nesta franxa de idade pertencen ao sexo masculino.En canto á distribución por localidades de residencia dos demandantes que se deron de alta na bolsa durante este periodo, podemos ver que o 75,58 por cento son persoas residentes no municipio de Carballo (294), existindo tamén candidatos/as interesados/as na bolsa procedentes doutras provincias, cun demadante de Ourense. Na provincia da Coruña, hai interesados e interesadas de vilas como a capital, Santiago de Compostela, A Laracha, Cabana, Cee, Coristanco, Laxe, Malpica, Ponteceso, Zas, Cerceda, Santa Comba, Dumbría, Cee, Tordoia, Teo ou Ames.

O 19,5 por cento dos solicitantes: sen formación académica

Outra das variables a ter en conta na Bolsa de Traballo Municipal, e que neste caso inflúe directamente na empregabilidade dos/as demandantes é a titulación académica. O 25,96 por cento das altas rexistradas neste periodo posúen o certificado de estudos primarios ou EXB, fronte ao 19,54 por cento que carecen de formación académica regulada. Respecto da clasificación dos dez postos de traballo máis solicitados por parte dos/as usuarios/as durante este primeiro trimestre, o máis demandado é o emprego polivalente, seguido de mozo de almacén e dependente de comercio. Están seguidos de cerca polas ofertas de repoñedores/as e repartidores/as, así como de caixeiros/as de supermercado. Tamén están moi solicitados empregos de administrativo/a, persoal de limpeza, condutor/a de camión e albaneis.

Os interesados e interesadas en contactar coa Bolsa de Traballo, poden facelo no enderezo electrónico <bdt@carballo.org> ou a través do número de teléfono 981 709 011. Tamén poden acudir directamente ao servizo no Fórum Carballo, Praza dos Bombeiros Voluntarios s/n (barrio da Milagrosa). Dende a Bolsa de Traballo animan, así mesmo ás empresas a que se poñan en contacto co servizo para informarse sobre o seu funcionamento e dado que ten carácter gratuíto. Poden preguntar por Milagros Antelo ou por Mª Dolores Serrano. Os interesados e interesadas en obter información máis polo miúdo, consultando as gráficas elaboradas sobre o primeiro trimestre de funcionamento da Bolsa de Traballo, poden facelo nun documento en pdf nesta mesma nova.

Compartir: