Inicio Carballo ao día Hemeroteca Difundir a cultura emprendedora e mellorar as...

ESTUDO ELABORADO POLO OBSERVATORIO ECONÓMICO LOCAL

Difundir a cultura emprendedora e mellorar as infraestruturas tecnolóxicas: algúns dos retos da innovación empresarial

Mércores 13 de marzo do 2013

No conxunto da comunidade galega, o informe do Observatorio -que foi presentado por Ángel Noguerol, responsable do estudo- constata que, a pesar do esforzo e a intensidade inversora da última década, Galicia segue a ser unha rexión pouco competitiva respecto doutras comunidades españolas, como Madrid ou Cataluña. Así, aínda que as empresas galegas dispoñen dos recursos tecnolóxicos básicos (conexión a Internet, telefonía móbil, etc.), non utilizan ferramentas máis avanzadas que permitan desenvolver a innovación, e centran os seus esforzos en procesos e organización. No caso concreto de Carballo, detéctase que son poucas as empresas que teñen xestionado axudas para a innovación e modernización tecnolóxica. Ademais, existe un déficit, en xeral, na formación en innovación e novas tecnoloxías dos traballadores e traballadoras destas empresas, tanto en Galicia como na área de influencia de Carballo. En base a estas conclusións, o informe sinala os retos de futuro que serían necesarios para corrixir esta situación. Así, en primeiro lugar conviría favorecer a difusión dunha cultura empresarial e da innovación. Sería importante un maior contacto entre os axentes de innovación (universidades, centros tecnolóxicos, etc.) e o tecido empresarial local, incrementando a formación de empresarios e traballadores en I+D+i e cun maior apoio para iniciativas emprendedoras innovadoras.

Mellorar as infraestruturas e políticas de apoioO segundo dos retos sería o de mellorar as infraestruturas e incrementar a efectividade das políticas públicas de apoio. Sería recomendable potenciar iniciativas como os viveiros de empresas, mellorar as infraestruturas tecnolóxicas e incluso desenvolver un Sistema Local de Innovación que conte coa colaboración de administracións e institucións. Por último, outro dos retos sería mellorar o acceso e a implantación de sistemas avanzados de xestión baseados nas novas tecnoloxías, fomentando o acceso a sistemas de xestión en Internet "na nube", ou o emprego de ferramentas como a sinatura dixital e a factura electrónica. que contribúen a mellorar o funcionamento das empresas. Hai que mencionar que os resultados deste estudo son o resultado dunha enquisa elaborada polos servizos técnicos da Cámara de Comercio na que participaron un total de 41 empresas de Carballo e a súa área de influencia.

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, foi o encargado de pechar o acto de presentación do estudo. Mencionou os "fríos días" que se corresponden "cunha realidade económica tamén fría", mais subliñou que non é oportuno "para solucionar esta crise só mirar para a prima de risco e a realidade financeira", senón tamén "crear dinámicas que nos axuden a saír", mirando para o pasado e para empresas de éxito internacional da contorna como Conservas Calvo e sendo conscientes das posibilidades de futuro que aínda existen. Expresou a necesidade de que as administración e as empresas vaian da man e, para rematar, agradeceu a colaboración institucional entre Concello e Cámara de Comercio, unha colaboración que principiou en 2004 e que espera continúe no futuro.

Compartir: