Inicio Carballo ao día Hemeroteca Preto dun centenar de obras conforman a...

NO TERCEIRO ANDAR DO PAZO DA CULTURA ATÉ O 25 DE ABRIL

Preto dun centenar de obras conforman a exposición do XV Certame Xosé Manuel Eirís que gañou Marcos Rodríguez

Venres 15 de marzo do 2013

Despois de recoller o galardón, o gañador do primeiro premio quixo lembrar que nunha ocasión tivo a oportunidade de traballar nun proxecto audiovisual co propio Xosé Manuel Eirís, polo que "é unha honra poder levar á casa un premio co seu nome". Quixo tamén mencionar a sorte, xa que tiña un 1,69 por cento de posibilidades de gañar, unhas posibilidades que se reducían aínda máis tendo en conta que xa fora gañador nunha edición anterior. Quixo explicar a súa fotografía, tomada na Catedral de Santiago, e na que, segundo salienta, un confesionario "deixa ver un pouco" da vida do sacerdote que está dentro, como a súa afección pola música ou a presenza duns libros nuns estantes que amosan que para moitas horas nese espazo. Por último, agradeceulle ao público a oportunidade que ten de "poder dedicarme ao que máis me gusta e contárvolo todo coas miñas imaxes". O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, tivo verbas para lembrar a Xosé Manuel Eirís, "unha persoa que deixou un legado moi importante" e ao que agora os participantes do concurso lle renden homenaxe. Quixo subliñar que incluso nenos de 10 anos teñen presentado as súas fotografías ao certame e desexou que "continúe o bo ollo detrás da cámara" para edicións sucesivas.

A inauguración da exposición contou coa presenza de todos e todas os premiados, coa excepción do castellonense Xavier Ferrer Chust, que non puido asistir por motivos laborais; tamén asistiron varios membros do xurado, como Javier Iglesias Pallas, en representación da Asociación Cultural San Campio de Cances; ou Ángel Cordero Gómez, profesor da Escola de Imaxe e Son de A Coruña. Houbo que desculpar por moitos persoais a presenza de representantes da familia de Xosé Manuel Eirís, "a primeira vez que non nos poden acompañar", segundo explicou o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, "que é cando un se da conta da amizade e do oco que deixan as persoas". Na cita estivo así mesmo a Concelleira de Cultura, Mar Eirís; e numerosos membros da corporación como a Tenente de Alcalde, Milagros Lantes; o concelleiro Marcos Trigo, tamén membro do xurado, ou o concelleiro e deputado Aurelio Núñez Centeno. Os interesados e interesadas en visitar esta mostra poden facelo na sala de exposicións situada na baixocuberta do Pazo da Cultura (no terceiro andar), en horario de 18.00 a 21.00 horas até o xoves 25 de abril. Tamén se pode consultar a fotografía gañadora nesta mesma nova nun documento en pdf.

Compartir: