Inicio Carballo ao día Hemeroteca Senda Nova incorpora dous novos percorridos de...

DOMINGOS ENTRE O 24 DE MARZO E O 9 DE XUÑO

Senda Nova incorpora dous novos percorridos de sendeirismo para a cuarta edición do programa Primavera en ruta

Xoves 21 de marzo do 2013

As rutas desenvolveranse en nove domingos entre o 25 de marzo e o 9 de xuño, pasando por concellos da comarca como Carballo, Coristanco, A Laracha, Zas, Cabana ou Malpica, e tamén por outros menos próximos, como Trazo ou O Covelo (Pontevedra). Outra novidade desta cuarta edición é que as saídas, ademais de facerse dende o Pazo da Cultura de Carballo e dende a Casa do Concello de Coristanco, tamén se farán dende a Casa do Concello da Laracha. A organización encárgase do transporte dos participantes dende os lugares de saída até os sitios de comezo da marcha. Así mesmo, recoméndase levar calzado (a poder ser impermeable) e roupa axeitada, mochila, impermeable, navalla, gorra e protección solar. Para poder inscribirse os interesados e interesadas poden dirixirse á base de Protección Civil de Carballo no edificio do Ambulatorio vello de luns a venres de 9.30 a 13.30 horas; ao Departamento de Cultura e Deportes situado na Casa do Concello da Laracha Praza, de luns a venres de 9.30 a 13.30 horas; ao Departamento de Cultura e Deportes no Concello de Coristanco, de luns a venres de 9.30 a 13.30 horas; e por último ao Pazo da Cultura de Carballo, os mércores, xoves e venres de 18.00 a 20.00 horas. A data límite de inscripción é ata 2 días antes de cada roteiro. Os prezos son: para maiores de idade, 6 €; para menore e socios 3€ . No caso da Ruta do Río Xabriña: maiores de idade, 12 € e menores e socios, 6 €.

Respecto do calendario de rutas polo miúdo, todas as saídas realízanse entre as 9.00 e as 9.30 horas, e é o seguinte:

  • Camiños de Aldemunde: 24 de marzo. De sete quilómetros de lonxitude, realízase por terceiro ano consecutivo e transcorre por Carballo, saíndo do Toural e terminando no dolmen de Pedra Moura.
  • O son do Anllóns: 7 de abril. De 21 quilómetros de lonxitude, transcorre por Carballo e Coristanco, saíndo de Carballo e terminando en Corcoesto, atravesando lugares como Verdes, o Pazo do Souto, a Pontedona, a Casa da Torre ou Corcoesto.
  • Senda das Capelas: 14 de abril. Percorreuse por primeira vez na terceira edición. De 15 quilómetros de lonxitude, transcorre polo Concello da Laracha, sendo a saída en Santa Margarida e rematando no Igrexario, atravesando a parroquia de Montemaior.
  • Terras Altas de Soneira: 28 de abril. De 19 quilómetros, transcorre polo Concello de Zas, saíndo de Pico de Meda -o monte máis alto da zona- e terminando en Follente. Pasa por lugares como a Férveda do Rabiñoso, pasando a carón de dúas mámoas dous castros e os restos dun castelo medieval.
  • A forza do río Chonia: 12 de maio. De 22 quilómetros, transcorre polo Concello de Trazo, saíndo de Castrillón e terminando en Portomeiro (Val do Dubra). Durante o percorrido visitarase o Pazo de Restende, así como a fermosa confluencia dos ríos Chonia e Tambre.
  • Ruta das Mámoas: 19 de maio. De 16 quilómetros de lonxitude, transcorre polo Concello de Cabana, sendo a saída na Piolla e rematando nas Torres da Penela. Permite observar 14 mámoas e 1 petroglifo, ademais do grupo etnográfico do Río Abelán.
  • Via Alcaianus: 26 de maio. Realízase por primeira vez, conta con 20 quilómetros de lonxitude, transcorre polo Concello de Coristanco seguindo unha vía romana e cruzando a Ponte Lubiáns.
  • A Costa agreste de Cerqueda e Cambre: 2 de xuño. De 17 quilómetros de lonxitude, transcorre polo Concello de Malpica e é a única ruta costeira e circular, con saída e chegada en Cambre. Pasa a carón de Cerámicas El Progreso e visita os Muíños de Ardeleiro, moi próximos ao mar, ademais de ofrecer a oportunidade de ver a carballeira máis cercana ao mar de Europa.
  • Río Xabriña: 9 de xuño. De 17 quilómetros de lonxitude, serve como peche do protrama e transcorre polo Concello do Covelo (Pontevedra). Neste caso, e dada a distancia, a saída adiántase ás 8.00 horas. O percorrido, deseñado e homologado pola Comunidade de Montes de Paraños, presenta un itinerario con certo desnivel e circular que transcurre polas beiras do río Xabriña.

Os interesados/as poden descargar un tríptico con información das rutas nesta mesma nova nun documento en pdf.

Compartir: