Inicio Carballo ao día Hemeroteca Máis de 20 actividades de teatro,...

VENDA DE ENTRADAS E BONOS A PARTIR DO 2 DE ABRIL

Máis de 20 actividades de teatro, música, danza, cine e exposicións conforman a programación cultural de abril e maio

Luns 1 de abril do 2013

Analizando polo miúdo a proposta dos Venres Culturais, no que respecta ao teatro están presentes cinco interesantes obras recentemente estreadas por compañías galegas así como tamén nos dará a coñecer o traballo deste ano dos grupos afeccionados de Carballo, tanto do Grupo de Teatro Municipal como dun dos grupos de maior traxectoria da vila, o grupo da Asociación Cultural Vagalume. Os espectáculos de teatro para adultos corren a cargo de compañías recoñecidas e acreditadas como PT Excéntricas/Mofa e Befa que presentan o seu último espectáculo "Románticos!", ou pola produción de RTA, Voz Audiovisual e Talía Teatro que presenta una das apostas fortes da tempada, "Gaivotas Subterráneas". Os venres culturais inclúen compañías máis novas que empezan a destacar no panorama teatral galego como Redrum Producións co espectáculos "Curriculum Vitae" e IlMaquinario Teatro con "O home Almofada". A oferta teatral complétase cunha comedia dirixida ao público familiar, "Bon Appetit!", da compañía Ghazafelhos Teatro que forma parte do programa En Familia. Este programa, dirixido aos máis cativos e cativas e que se celebra sempre en domingo, inclúe tamén un concerto de música pop e rock cun carácter lúdico o e participativo a cargo de Roger de Flor.

No que respecta aos concertos para adultos, os grupos de música rock carballeses serán os que protagonicen a oferta musical, con dous concertos que levan por título Rockarballo e que reúnen a sete grupos. E a música tradicional está presente a través dun concerto organizado polo Coro Aires de Bergantiños. A oferta complétase tamén con cine, a través dun ciclo de tres películas cine francés organizado polo Comité de Irmanamento de Carballo con L'Isle Jourdain así como polo programa de exposicións, xa que ás xa presentes de Viki Rivadulla e a do XV Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís, hai que sumar unha de Mónica Noya e unha de María Luisa Rojo-Novais. Máis polo miúdo, as actuacións de Primavera enDanza son as seguintes: a compañía galega Entremans presenta o espectáculo "Amediometrados"; dende Cataluña chega Thomas Noone Dance con "Lugares extrañamente desastrosos"; e pecha Traspediante co espectáculo "Baleadas", dirixido a público infantil e familiar. A presentación oficial do programa contou coa presenza, ademais do Alcalde e da Concelleira de Cultura, de Quico Cadaval de PT Excéntricas/Mofa e Befa, Xabier Deive da producción de RTA, Voz Audiovisual e Talía Teatro, Mónica García de Redrum Producións e Tito Asorey de IlMaquinario Teatro.

Venda de entradas e bonosO prazo para adquirir as entradas e bonos para asistir aos espectáculos comeza o martes 2 de abril nas Oficinas da Concellaría de cultura (1º andar do Pazo da Cultura) en horario de 11.00 a 14.00 horas. Os bonos garanten o acceso a todos os espectáculos de pago dos Venres Culturais e aos de Primavera enDanza e custan 19 euros, 14 euros con prezo reducido para estudantes con carné, maiores de 65 anos e menores de 12. No caso das entradas, poden mercarse no despacho de billetes do Pazo da Cultura o mesmo día de cada espectáculo dende unha hora e media antes do inicio da actuación; tamén se poden reservar nun máximo de 4 por persoa no 981 704 300 dende 15 días antes da celebración dos espectáculos. No caso dos espectáculos de balde, se é precisa invitación previa, avisarase coa antelación suficiente para que os interesados e interesadas poidan retiralas nas oficinas de Cultura. Prégase puntualidade á hora de asistir aos espectáculos, xa que unha vez comezada a función non se garante o acceso á sala.

Os interesados e interesadas poden consultar o programa ao completo de actividades nun documento en pdf nesta mesma nova.

Compartir: